Barbantia vai presentar en decembro o Anuario, onde se recollen traballos de investigación, pensamento, arte, historia, literatura, etnografía, etc. O Anuario vaise distribuír gratuitamente entre os/as socios/as de Barbantia, aínda que os/as interesados tamén o poderán mercar. Deixamos un adianto co limiar e cos contidos que vai ter.
Cultura. Hai múltiples definicións de cultura. Todas teñen un denominador común. Pensar. Un home culto é un home que pensa. Un home que vive nunha realidade que lle suscita problemas de todo tipo e intenta resolvelos. Logo, podíamos concluír, todos somos cultos. Non. Precísanse dous requisitos máis. O primeiro, pensar socialmente: resolver os meus problemas pero cunha perspectiva de beneficio comunitario. Un non é culto, aínda que sexa escritor ou catedrático, se pensa qué facer cunha lavadora vella, e a tira na Curota. O segundo, pensar criticamente: recibir información, valorala e comparala, concluír unha opinión, e contrastala argumentalmente con outras opinións. Un non é culto se está a favor ou en contra dos paseos marítimos e non dispón de información ampla e plural, que, ademais, lle permita rebater outras opinións.
Asociación Cultural. As asociacións culturais non teñen outro obxectivo que ese. Pensar social e criticamente a realidade na que viven. As primeiras organizacións sociais naceron para cazar grandes animais. As primeiras organizacións culturais, para cazar grandes e pequenas ideas. Internet, por poñer un exemplo aparentemente afastado, non sería posible sen elas. Sen as ideas de Igualdade, Liberdade, Fraternidade, as nosas vidas cotiás serían radicalmente distintas. As asociacións culturais pensan ideas que melloran un ámbito concreto. Non son tan ambiciosas como os revolucionarios franceses ou os científicos. Pero, na súa medida, son, e pola mesma razón, necesarias. Poñen en primeiro plano, para os seus protagonistas actuais, a historia. E converten o presente inmediato e próximo, tomado de forma global, as diferentes pezas remiten a un todo, en obxecto de debate. En problema que resolver. Porque saben algo evidente: pensar é, a medio e longo prazo, a forma máis fértil e económica de progresar.
Barbantia. Barbantia é unha asociación cultural que cumpre agora un ano. Está formada por persoas cultas. Escritores, mariñeiros, pintores, fotógrafos, escultores, amas de casa, estudantes, obreiros, profesores, empresarios, etcétera. Persoas todas que pensan e queren seguir pensando o lugar onde viven. O Barbanza. Porque queren, sen competir con ninguén, colaborando con todos, melloralo. Cada un desde a súa perspectiva do mundo. Inevitable e necesariamente. Pero convencidos de que, agora máis que nunca, hai que proxectalo. Non avanzar a cegas. Pararnos. Pensar un proxecto de comarca. De mancomunidade. De paisaxe. De educación. De sustentabilidade. De produtividade. De comunicacións. Barbanza é hoxe unha área dinámica, política, económica, social e culturalmente. Unha cidade de cen mil habitantes. A área non metropolitana de Galicia cun maior pulo económico. Cambios e máis cambios. Vantaxes e desvantaxes. Non pode facerse a cegas. Non. Non. E non. A sociedade civil preocúpase, séntese esperanzada e ameazada, organízase, e deféndese. Coñecéndonos. Dialogando periodicamente. Pensando. Si. Si. E si. Iso é Barbantia.
Anuario. O pensar tense que facer carne. As ideas obxectívanse, convértense en libros, poemas, palabras, fotografías, roupa, mobiliario urbano, petróglifos, goles. Así podemos compartilas, contrastalas e valoralas. Enriquecéndoas, enriquecéndonos. Por unha sinxela razón: non podemos pensar no aire. Barbantia comezou con exposicións, conferencias, mesas redondas, semanas culturais, presentacións de libros. Iremos diversificando e integrando. Reunímonos e falamos e pensamos. Como este primeiro Anuario. Varias persoas reúnense e falan e pensan, crítica e socialmente, diferentes aspectos do Barbanza; e nós lémolos e oímolos e repensámolos e, civilizadamente, conversamos. Nos centros sociais, no ximnasio, no traballo, ou nos bares. Cumprimos un deber, máis que un dereito, de cidadáns activos, comprometidos e responsables. Cultos.
BARBANTIA
Anuario de Estudos do Barbanza |
|
Francisco Calo Lourido |
Galicia: o mar e a arte |
Xosé Comoxo, Xesús Costa, Xesús Santos |
Rianxo no centenario do nacemento de Manolo Rodríguez Castelao |
X. Ricardo Losada | Sorrir sen contraer os beizos |
Aurora Marco | Mulleres do Barbanza: outro exilio histórico |
Xoán X. Mariño Reino | Xosé Ferreiro: Vida e obra |
Manuel Mariño del Río | O balandro María Teresa e o comercio marítimo entre Vigo e Porto do Son no século XX |
Antón Rodríguez Gallardo | Eleccións boirenses a Cortes en novembro do 33. Un proceso marcado pola violencia |
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría |
Don Quixote no Barbanza |
Blanca-Ana Roig Rechou | Literatura, infancia e mocidade na Serra do Barbanza |
Ana Romaní | María Mariño. Luces e sombras en Noia |
Paulino Vázquez Vázquez | A rede no vacío |
Ana Vidal | A casa catalá |
Aires de
Fóra |
|
Xabier López Marqués | Caderno do Piñeiral de Francis Ponge |
Anuario
|
|
Alberto Piñeiro | Barbantia, un ano de cultura |
Román Arén/X.Santamaría | Publicacións no Barbanza |