Entrevista a Gonzalo Navaza

Entrevista feita por Xosé Alén

Erros e Tanatos

Erros e Tanatos, por Gonzalo Navaza

Cando descubriu que a literatura non era só unha afección pasaxeira, que tamén se podería dedicar a isto?
Depende do que entendamos por “dedicarse a isto”. Como lector, a literatura foi para min unha afección desde neno e nuncan tiven a sensación de que era algo pasaxeiro. E o ánimo de intentar imitar as cousas que me gustaba ler tamén me vén desde a infancia, creo eu. Como son o pequeno dunha familia moi numerosa (seis irmás e cinco irmáns) e algúns deles xa tiñan certas inclinacións literarias, esa afección pola lectura e pola escritura xurdiu de maneira espontánea, se cadra querendo imitalos. E enténdoo como algo divertido, non como unha “dedicación” no sentido de que requira un esforzo.

No seu libro Erros e Tánatos as historias son realmente orixinais cuns finais bastante sorprendentes, ocorréronselle a vostede estas historias ou son froito de relatos alleos que vostede se encargou de recompilar?
Algunhas desas historias naceron a partir de experiencias vividas, ás cales lles tiven que buscar un desenvolvemento narrativo e un final para facer delas un relato. Por exemplo, a ambientada nun tren en Suíza, ou a ambientada no Brasil… Parten de sucesos concretos que vivín ou dos cales fun testemuña. En calquera momento sempre podes bater con personaxes, escenas ou situacións que teñen todas as condicións para ser “materia literaria”. Convertelas en literatura ten moito de oficio, porque un aprende a facer relatos do mesmo xeito que un artesán aprende a facer cestos. Noutros casos mesturo elementos vividos con cousas de pura “cociña literaria”. Eu considéronme formalista, no sentido de que creo que un bo relato ou un bo poema é o resultado da elaboración dunhas formas textuais determinadas; parécenme inxenuas e insensatas as opinións dalgúns cando din que un texto é bo porque é sincero ou porque é auténtico: dar impresión de autenticidade ou de sinceridade é sempre unha virtude formal do texto.

Un libro para recomendar.
Imaxino que a pregunta se refire á literatura galega recente. Estes días atrás lin Os ausentes de casteltón, de Jacobo Barros, sobre os mariñeiros galegos que andan ao bacallao, e pareceume moi interesante. Xa se publicara uns meses atrás outro libro sobre o mesmo ambiente, da autoría de Xabier Paz, titulado Follas do bacallao, e tamén me parecera interesantísimo. Eu son de terra adentro (de Lalín), e ese é un mundo que eu descoñecía por completo… Pero xa que a pregunta me vén de vós, teño que dicirvos que me gustou moito moito As rulas de Bakunin, do voso profe, así que se algún de vós non o leu, xa sabe. Tamén están moi ben algunhas das narracións que forman o último que lin del, Casas baratas. Con todo, quero ser cauteloso cando recomendo lecturas, porque moitas veces depende do estado do lector ou doutras circunstancias, e un libro non sempre chega a nós no momento preciso. Ou ao contrario: hai libros que che parecen marabillosos cando os les e volves a eles uns anos máis tarde pensas, como é posible que me entusiasmase tanto este pelmazo? Ou ao revés: como é posible que non me gustase esta marabilla?

Sabemos que vostede, ademais de escritor, é profesor na Universidade de Vigo: que lle gusta máis escribir ou ensinar?
A min gústame ler, e por veces creo que entendo o de ensinar e o de escribir como unha prolongación da miña afección lectora.

Un libro que o marcou especialmente durante a súa adolescencia ou mocidade.
De adolescente gustánbanme moitísimo os novelóns do século XIX, recomendados polos meus irmáns máis vellos: Tolstoi, Balzac, Stendhal, Eça de Queirós, Dostoievski… Logo descubrín aos autores hispanoamericanos: Borges, Cortázar, García Márquez… Se tivese que escoller un título non sei que escollería. Durante moito tempo, sendo estudante de bacharelato, o meu libro preferido era Vermello e negro, de Stendhal.

Gonzalo Navaza

Gonzalo Navaza

Agora en Galiza existe un forte debate sobre se o idioma galego se atopa en decadencia ou todo o contrario. Vostede que opina?
Eu creo que hoxe por hoxe a saúde social do galego non é moi boa, no relativo á perda no número de falantes, etc. Pero non hai que ser fatalista, porque depende simplemente da vontade dos galegos. E estou convencido de que a sociedade galega acabará decatándose de que renunciar a semellante riqueza sería unha barbaridade.

Por que se decantou polo emprego do idioma galego en tódalas súas obras?
Supoño que por imitacións dos meus irmáns, que me levaban uns anos e estaban politicamente concienciados. Os primeiros textos meus que vin en letra impresa, na revista do colexio cando andaba facendo o bacharelato, xa eran en galego. E iso que aquel tempo non era especialmente favorable…

Vostede fai os seus escritos froito da inspiración ou son o resultado de moito traballo?
Eu creo que a inspiración, ou como queiramos chamarlle, é necesaria se cadra para dar co material en bruto, coa ocorrencia, coa idea. Pero logo ese material hai que traballalo para sacarlle o máximo partido posible, e iso é froito de paciencia e traballo.