Era por Setembro

Iria Rios

Iria Ríos

AUTOR
Xavier Quiroga autor que prefire non divulgar os seus datos biográficos, exprésao así nas súas propias palabras: “Como autor desta historia, atrincheirado das tarabeladas dos medios de comunicación e á defensiva do que tan teimudamente roe o esencial, sigo preferindo non divulgar datos biográficos, como sigo considerando que importa a obra, a creación por si mesma, non a montaxe que, arredor do que non é literatura e seica vende, se argalla para confundir unha vez si e outra tamén.” Porén, si sabemos que se deu a coñecer na narrativa galega con Atuado na braña (no ano 2002), historia longa á vella usanza, que mereceu unha calorosa acollida da crítica: “Estamos ante un gran relato de consumo que vén de confirmar a emerxencia dunha literatura nacional, á altura de calquera outra.” (Fernando Carballa, A Nosa Terra); “Un volume que cobreguea nas mans satisfacendo todos os posibles puntos de interese (morbo, intriga, paixón…) dos lectores.” (Xosé Manuel Enríquez, Faro de Vigo); “Nunha novela na que a natureza ten tanto protagonismo, o idioma ten que ulir, cheirar, saber, cegar, ten que poder acariñarse e mastigarse. E abofé que isto é o que acontece en Atuado na braña. A lectura destas páxinas é unha festa para os sentidos.” (Dolores Vilavedra, O Correo Galego). Con esta novela, Era por setembro, unha historia de formato breve e intensa, confírmase como unha das voces máis poderosas da actual narrativa galega de inicio de século.

Era por setembro

Era por setembro, por Xabier Quiroga

ARGUMENTO
Aldara, a recente ministra do goberno de esquerdas regresa á súa vila natal para asistir ao enterro dun dos seus seres queridos. A medida que se achega ao seu berce, os recordos van renacendo de novo para levala ao pasado que a definiu para sempre cando contaba só trece anos.
Nun contexto ditatorial, cando o réxime se achegaba á súa fin e os seus fieis daban as últimas rabexadas nun intento de salvar as últimas horas dunha longa noite de pedra, Aldara coñece a don Manuel, un escritor idealista fuxido que regresa para o enterro da súa nai, e co que traba unha amizade que fará que a súa vida cambie para sempre, facéndoa espertar da nenez para que sexa ela quen colla as rendas da súa propia vida.
A historia vese completada polos permanentes conflitos cun pai alcólico e unha nai submisa, reflexos dunha familia esgazada no seu propio nacemento.

IDEAS CENTRAIS
O amor como motor dunha felicidade real e o valor que é necesario para afrontalo e non se deixar derrotar polo risco e o temor ao fracaso.
A dúbida como un don que fai cuestionarse a realidade que rodea á persoa e a que lle é dada, de xeito que individualmente se vai descubrindo a verdade das cousas, apartando as meras aparencias. A dificultade de ser capaz de pensar por un mesmo.
O valor necesario para ter uns ideais e mantelos, á parte do sacrificio que esixen e non sempre se ve recompensado. Mentres na figura de Manuel os ideais supoñen a fin do que podía ser unha vida moito máis feliz, na protagonista son case o único que merece manter: “[…] deille duro ao que cría que había que darlle e que polo menos me vai salvando: os ideais.”
A fin da inocencia infantil e a descuberta do amor nas propias carnes e nas alleas, no medio dunha adolescencia marcada pola rebeldía.

ASPECTOS LITERARIOS
A novela Era por setembro é unha historia de descuberta, de nacemento e formación dunha persoa. Trátase dunha novela breve, que atrapa ao lector no fío de novas que van conformando a nova visión da protagonista. Conta con trinta e seis capítulos de moi pouca extensión, nos que unha Aldara xa maior e experimentada, ministra dun goberno de esquerdas vai regresando ao pasado nunha travesía polos seus recordos e analizando os feitos desde a perspectiva dada polo tempo. Isto fai que se poida contrapoñer a mirada inocente dunha rapaza de trece anos que vai espertando do seu mundo para se adentrar na realidade coa dunha muller con trinta anos máis que xa sabe ben da vida. A dobre visión desta novela fai que sexa unha obra reflexiva, con numerosas sentenzas e con propostas case existencialistas, que seguen sen resolverse a pesar das andanzas.