Afortunado no xogo…

Charo López

Charo Lopéz

“O Diario do País” 23/12/04. Alegría en Lousame tras caer o gordo de Nadal. A xente celebrou con champaña a visita da sorte pola vila (…)


– Vaia oh! Agora apareces, a boas horas! Non es quen de imaxinar todo o que te odio. Se tiveses corazón, espetaríate nel cunha coitelada e fenderíacha sen dor. A que vés? Só para me refregar nos fociños o meu fracaso? Só para dicirme que Marisa me esqueceu? A botarme as moedas que me roubaches? Non ando a pedir esmola, e non quero as túas putas miserias. Os cartos que gañas fodendo a homes coma min. Cobrando por adiantado, sen garantías… Vai de diante! Primeiros impresiónasme, teño que recoñecelo, seduciume o teu encanto, esa maxia. Despois xa eras imprescindíbel na miña vida. Precisábate, pensaba en ti ao me erguer, e cando me deitaba. Soñaba contigo. Pero xogaches comigo canto quixeches. E pola túa culpa perdino todo. U-la miña Marisa? Que fago agora… Coido que a morte para min tería máis sentido que esta existencia incomprensíbel e dificultosa, chea de remorsos, fedenta, vomitando desesperación e chorando carraxe (finando a esperanza). Deixareime levar, paseniño, pola debilidade, por vez derradeira. Toma, decide ti por min, cóllea. Sempre che preguei entre murmurios que viñeses onda min… Hoxe recoñezo o meu fracaso. Prégoche, como última vontade que o fagas. Quero deixalo nas túas mans (coma sempre…). Enganeime contigo, pero agora xa é tarde. Morreu en min a vontade, a forza para vivir, o poder para impoñerme cos meus propios impulsos. Só ficará, meu, neste mundo, ti e unha nota para Marisa: “Afortunado no xogo”.

“O Diario do País” Páxina de sucesos 26/12/04. Áchase o cadáver dun home (…) A morte produciuse cun revólver. Hai claros indicios (…) Todo apunta a un suicidio xogando á “Ruleta Rusa”, poñendo en mans do azar o disparo certeiro que lle levou a vida (…) Xunta o cadáver atopáronse dous papeis: unha nota da cal non se revelou o contido por mor do segredo sumarial, e un boleto premiado na lotería (…)

– Ai, Antonio, coitado, canto te quixen, canto tentei de axudarte, cantas pasei por ti… Eu ben sabía que me enganabas, e pechaba os ollos; ollos que non ven… golpe que te dás. Porque eu, Antonio, eu levei moitos paus, cos ollos pechados para non ver o que oía, xa non se pode seguir agochando… Cantas veces te vin con ela no bar, no bingo… a gastar sen control, mentres eu rebaixaba o leite con auga para facelo render. Por que me deixaches por ela, Antonio? Ela que che levaba os cartos e te apartaba de min. Éche boa verdade que non é de lei. A única vez que se guiou por ti foi para mandarte ao outro mundo. Ai, Antonio! Non eras feliz comigo que tiveches que ir buscar esa vida, alegre, efémera e traizoeira? Pois eu non lle penso coller os cartos, alá se perda no inferno con eles e se lle queimen, nas fogueiras do demo. Non sei por qué me toca agora a fortuna hipócrita. Pero non a quero. Só contestarei á túa nota, porque tiñas razón, Antonio:
“desafortunado en amores”.
pistola
“O Diario do país” Sucesos. 30/12/04. Aparece o cadáver dunha muller (…) Os investigadores do caso barallan hipóteses sobre a relación deste suicidio, e a do seu home hai catro días, quen tamén rematou coa súa vida voluntariamente tras resultar gañador dun premio millonario na lotería. Ela fora a herdeira do premio íntegro.

Deixa unha resposta