Comezar de cero

Iria Rios

Iria Ríos

Somérxete neses lagos inmensos de fondo tan escuro coma as túas intencións. Olla esa vida morta con cada tormenta de xeo que produce unha nova ferida molécula a molécula mentres loitan no solpor da alegría. Mira como se evapora esa va esperanza que a vontade persegue no intento derradeiro de fuxir do futuro.
Agora nada, viaxa até o fondo… mira ao arredor. Qué ves? Só podes achar a resposta en ti mesmo. Procura unha falsa doutrina que xustifique o baleiro desa presa que xa derramou toda a auga.
Un falso arrepentimento era por entón motivo suficiente para intentar repoboar as cuncas baleiras, mais agora a inocencia xa coñece o porvir e gárdase cubríndose cunha coiraza de dor.
Observa toda a vida que usurpaches… Aínda podes recoñecer ante os teus ollos a que fora aquela paraxe natural con excitantes afrodisíacos e beleza relucindo xuventude?
Di, cantos froitos arrincaches do seu ventre doído para esmagalos contra unha parede traizoeira?
Por que aínda temes mirarte no espello se cada mañá mastigas a sombra do teu delito cando queres volver a esa infancia idealizada na que gozabas batuxando cos teus curmáns invisíbeis? Era ela a auga onde se reflectía a ilusión desa vida, a panacea da túa realidade. Pero traizoácheste, a ti e máis a ela, e agora contaminaches a auga que che deu a vida durante tanto tempo coas túas desfeitas e os teus descoidos. Fuches destruíndoa pouco a pouco, de xeito inapreciábel, pero facendo un dano irreversíbel e imposíbel de depurar. E sabes que ti morres con ela, arrepíaste do reflexo que ves agora, e negas que sexas ti; é por iso que culpas a auga, sen te decatar de que es vítima e verdugo.
É mellor que non fuxas da realidade, que non intentes máis buscar ese faro que non logras atopar no océano e que mires en ti, que procures nese ser que descoñeces a razón pola que cada noite alugas o teu corpo a todas esas pantasmas resentidas e obrigas a quen quixo salvarte a purgar os teus pecados coa marca imborrábel do medo e da vergonza. Fórzala a pagar a decisión de acollerte no seu seo como se fose unha illa que te salvou na intemperie do mar e che deu todo o que un día puideches soñar, pero hoxe, de xeito inexplicábel renuncias a iso arrasando con todo o que atopas ao teu paso como se foses unha praga sen cura. Na era das vacinas a túa enfermidade segue o mecanismo hipocondríaco e non se pode solucionar máis que coa túa toma de conciencia, e calquera limpeza que se poida facer é só algo temporal, sustancias químicas que cando desaparecen deixan paso a unha marea negra cada vez peor.
Cada día a pregunta sobre a túa vitoria perfila unha resposta máis decepcionante: só queda comezar de cero.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.