Maribel

(Nel Vidal Barral)
Maribel ten unha hortiña, e nela planta cebolas, e planta repolos, e tomates e pementos, e gústalle coidar a hortiña, e tela limpa, bonitiña, arrincarlle as herbas, que dea bos froitos, porque os froitos da súa hortiña para ela son os mellores, porque son dela, porque os coida ela, e mímaos, e cómeos. Maribel podía comprar as cebolas e os repolos, ou os tomates e os pementos, pero non é o mesmo, porque os da súa hortiña son dela, e como son dela, para ela son os mellores e, para que vai querer os de fóra? Maribel ten ollos e oídos e ela ben ve o que hai. Maribel ve que hai xente que quere aparentar máis do que é e hai xente normal, coma ela, á que lle dá igual, e entón, á xente normal á que lle dá igual, á que non lle importa, di: “eu chego á casa e planto cebolas ou sácolle as herbas aos repolos”, entón esta xente non ten problema ningún, e vive moi tranquila e feliz, como Maribel e como moitas como Maribel; pero hai outra que, claro, non ten unha hortiña para botar cebolas, non ten nada. Entón só pode falar, pois, de ir de compras, e ir á cafetaría, ou “me fui ayer al gimnasio” ou “me fui a tal o me fui a cual” porque, claro, queren vivir unha vida máis fina, entón hai dous bandos, hai o bando que di: “ai, Maribel, no traes las uñas nada cuidadas”, e Maribel dilles “e que, claro, fun sacarlles as herbas aos repolos e téñoas un pouco descoidadas”. “Ai, Maribel, tienes que pintarte las uñas e irte a la peluquería y teñirte el pelo y hacerte unas mechitas”, e Maribel dilles “pero eu estou moi a gusto así”. Maribel pensa que hai dous bandos, como pensa que hai en todos os sitios. Como por exemplo coa xente hipotecada. Maribel ve que a xente hipotecada se ten por máis fina que a que está sen hipotecar, porque a xente que quere ser fina, a maioría da xente que quere ser fina, ou vive de alugueiro ou está toda hipotecada; e iso ben o ve Maribel porque iso nótase. Maribel tamén vai á cafetaría e vai de compras, tamén vai ao fútbol, pero tamén coida a súa horta para que estea limpiña e dea bos froitos. Maribel non está hipotecada, nin vive de alugueiro, porque para Maribel o dela é o mellor.

Deixa unha resposta