O vendedor de soños

por María Loureiro

Tiña as mans manchadas de tanto pintar. Os veciños chamábano o señor das cores, aínda que el nunca se decatara. Os nenos considerábano o creador do seu mundo imaxinario e non era de estrañar, xa que a iso mesmo se dedicaba: a pintar soños. Fora el quen debuxara as estrelas na noite e lle daba cor ó arco da vella cando o ceo quedaba triste despois das forte chuvieiras.
Traballaba por encarga nunha oficina do último andar do edificio máis alto da vila. O seu taller era moi peculiar. Nada máis entrar nel sentías como a alegría che inundaba de arriba a abaixo. A maioría das paredes estaban decoradas e o resto permanecían ocultas tras uns altos andeis que contiñan milleiros de sobres, paquetes e tarriños de cores, esperando ser entregados ós seus compradores. O vendedor tiña moitos clientes, porque o mundo andaba falto de imaxinación e el posuía a receita axeitada para remedialo, pois era o único en todo o universo que exercía ese emprego. No centro da oficina estaba a grande mesa de despacho na que atendía á clientela e xusto detrás había unha porta pola que ninguén máis ca el pasara, pois era alí onde traballaba e daba vida ás súas creacións.
O vendedor tiña moi boa reputación, aínda que o seu labor non era nada fácil. Pasaba o día repartindo ledicia, regalando ilusións, fabricando esperanza e pintando soños. Había algunha xente que acudía a el como último recurso, porque xa perderan todos os desexos que algún día tiveran. Un deses desesperados era eu.
A primeira vez que entrei no seu despacho sentín unha sensación de ánimo que fixo que me esquecera do pouco convencido que estaba de que aquilo fose funcionar. Mentres o esperaba, decateime de que tres ou catro obxectos, que semellaban globos, flotaban no cuarto.
-Son ilusións -dixo o vendedor mentres se achegaba para estreitarme a man. Confeso que me sorprenderon as súas palabras, pero o certo era que eu nunca vira ninguna das estrañas cousas que alí había.
Estivemos falando un bo anaco no cal chegamos á conclusión de que eu era un daqueles clientes que non sabía o que quería, pero que estaba tan angustiado que necesitaba de algo urxente para levantar a moral. Finalmente, decidiu pintarme un fermoso soño, o que debería facerme feliz durante algunhas semanas ou incluso meses, e así foi.
Volvín varias veces máis xunto ó vendedor e nunha das últimas visitas, levei á familia. A miña muller vira con asombro e ledicia o rápido cambio que sufrira o meu estado de ánimo e pedírame que a levara canda min. Tamén nos acompañou a nosa filla Lúa, que tiña moitas ganas de coñecelo, polo que oíra falar del na escola. Fixémonos rapidamente amigos e, sempre que podía, viña pasar o intre connosco. Ó cabo de certo tempo, ofreceuse a coidar á nena despois do colexio, porque eu e a miña muller traballabamos durante todo o día. Así que Lúa pasaba as tardes no despacho do vendedor.
Co paso dos días, a rapaza foise facendo máis alegre, emotiva e divertida, e ademais os seus estudos comezaron a ir mellor. Notábase a influencia que o vendedor exercía nela e viceversa, porque el, acostumado á soidade do seu taller, descubriu o divertido que resultaba ter compaña. Lúa interesábase moito polo traballo de creador de soños e aprendeu moitas cousas interesantes, mesmo se lle permitiu entrar no cuarto onde traballaba o seu amigo.
Pero o vendedor enfermou gravemente e ningún médico lle atopaba cura a aquela terrible enfermidade. Os seus clientes caeron nunha gran depresión e tódolos habitantes da vila comezaban a volverse pesimistas. Algúns dicían que sen o pintor de soños, a alegría acabaríase e o mundo remataría perdendo todas as cores. Todos estabamos moi preocupados e non sabiamos que podiamos facer para remediar a situación na que nos atopabamos.
Sucedeu, entón, que chegou á vila unha famosa menciñeira, que sabedora do que estaba ocorrendo, ofrecérase a axudar no que puidese. Nada máis ver ó enfermo, soubo o motivo do seu padecemento:
– Imos ver…Si, creo que…Claro!- exclamou a menciñeira- Era o que eu pensaba. Este home padece unha terrible enfermidade case imposible de curar.
-Case…! Entón é que hai posibilidades… Vostede podería salvalo!
-Non, non creo… Quizais, se chegara a ter axuda dalgunhas dos mellores especialistas de toda Galiza, se cadra… En todo caso as posibilidades son mínimas, pero tentarei facer todo o posible -contestou con firmeza.
De seguido correu a nova e comezaron a chegar de todas partes médicos, meigas, menciñeiros… Pero a xente da vila non as tiña todas consigo e decidiron que alguén tiña que exercer o traballo de creador de ilusións, por se a cousa non saía como era de esperar. Foron moitos os que quixeron probar sorte, pero ninguén foi quen de desempeñalo e o único que conseguiron pintar, máis ben semellaba un pesadelo que outra cousa.
A tensión ía aumentando a medida que pasaban os días. O vendedor empeoraba considerablemente e os curandeiros parecían non dar atopado un remedio axeitado. Non se lle permitía recibir visitas e cando xa todos comezabamos a temer o peor, o convalecente quixo falar coa miña filla en privado.
Non souben que lle contou ata unha semana máis tarde, pero en todo ese tempo a miña filla pasou as tardes no taller. Non sabiamos o que facía alí e ela tampouco falaba do tema, pero o certo era que parecía haber moita actividade dentro, sobre todo polos estraños ruídos que se escoitaban cando estabas preto da porta.
O tempo pasaba moi lixeiro e xa perderamos a esperanza de que el sobrevivira, aínda que a miña pequena aseguraba que non podía morrer. A vida envolveuse de tristura e o mundo, como se fose lavado con lixivia, comezaba a destinxir. Entón, ocorreu algo terrible… A vila comezou axiña a tinxirse de branco e negro… e ninguén pensaba en facer nada ó respecto, xa que o mal humor, o egoísmo e a envexa esténdense coma se dunha praga se tratase.
Lúa pediume que a levase a ver ó vendedor. Pasou un par de minutos falando con el e logo díxome que me despedise del. A partir de aquí todo aconteceu moi axiña e só puiden escoitarlle dicir á rapaza que chegara o momento e vina saír correndo do hospital. Iso é todo o que recordo antes de que se produciuse a explosión, si… a explosión. Cando saín fóra vino todo como se estivese metido nun soño… O ceo, as árbores, as casas… Todo, absolutamente todo rebordaba cor e alegría. E entón comecei a comprender…
Fun paseando pola vila, cousa que non fixera dende había moito tempo, observando toda a vida que rexurdira de repente. A xente, o mesmo ca min, estaba abraiada e oíanse risas por todas partes. Un neno corría agarrando un globo… ou era unha ilusión? Soltei unha gargallada e foi cando mirei cara á praia e vin unha nena, que sentada no alto dun penedo, observaba o mar.
Sentei ó carón de Lúa en silencio, sen saber que dicir, pois sabía o moito que quería ó vendedor. Pero adiantóuseme e falou antes ca min.
-Estou moi contenta, porque despois de que o noso amigo pasase toda a vida facendo posibles os soños para os demais, por fin se cumpriron os seus… -houbo unha pausa- Unha vez díxome que dende neno desexara estar no sorriso da xente e vivir en cada unha das cores…e conseguiuno.-díxome con bágoas nos ollos.
-Si, tiñas razón. El é inmortal -non sabía que máis dicirlle. Sabía o que estaba sentindo… Levantei a vista e decateime de que a noite se nos botaba enriba… e continuei:
– Sabes? Todos din que foi el quen pintou as estrelas no firmamento.
Ela sorriume e os dous miramos o ceo. Nese intre pasou unha estrela fugaz.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.