Pentagrama de paixóns

por Iria M. L. Lestón, María Loureiro e Iria Ríos

Martín, volvo a escribirche porque teño que facelo agora, neste intre no que exhibo orgulloso o instrumento, ese debuxo que non me fixeches e ben valería para que eu tocase boleros só como os negros o saben facer. Sinto vibrar as túas notas que pulsan as teclas dos meus sentidos, estimulando, marcando o ritmo da nosa canción, esa melodía na que as corcheas estremecen de paixón.
Pentagrama Ai, Martín! Estou lembrando aquelas noites coas que tanto soñabamos os dous, aquelas caricias que acariñaban a nosa pel suave de nubes. Lembras, Martín? Os nosos laios cantando un mesmo compás entre as negras e as corcheas do pentagrama infinito, a nosa calor fundíndose, derretendo as nosas entrañas. Canto amor! A tristura non existía, só miles de sensacións indefinibles que pasaban en semicorcheas, sen silencios de branca nin de negra. As nosas voces murmuraban aquela canción de ritmos bailábeis en sábado noite acadando un fa maior de timbre inimitábel á vez que a nosa suor saía dos corpos coma unha voz húmida. Martín, escríboche porque hai tempo que non soñamos xuntos, os dous sós. Ai, Martín! Como serán as túas noites? A quen lle dedicarás o puntiño desa doce sonata? A quen lle encherás os espazos da alma trocando silencio por silencio mentres esvaras nas miñas mans de trompetista? Quero bailar coas túas claves de sol e perderme no tenro aloumiño das anacrusas. Desexo ser o cantautor das túas madrugadas e espertar escoitando os latexos do tambor que levo no peito. Devezo polas composicións que me facías e os cantares que enmudeceron dende que te fuches. Amor, polas miñas veas aínda corre o solfexo do teu nome.

Pentagrama Suplícocho… apréndeme de novo a tocar esa escala musical. Ai, Martín! Eses silencios que suceden ás danzas fan que o meu organismo volva estremecer como as cordas do violín acariñadas pola túa man precursora. Non atopa nada dende que te fuches. A túa sintonía esvaeceu e o vento seareiro do amor calou. Pouco a pouco, como compases que se suceden sempre na mesma composición, coñezo a fin do teu xogo, ese engano pasaxeiro, o meigallo dun cantar de xílgaro. O meu corazón soa como unha percusión azoutada por cen homes cando te penso e a súa samba fai que o meu corpo baile coa lembranza da túa derradeira síncopa. A clave de sol coa que comezamos deu paso a esa dobre barreira coa que finou a nosa recompilación, a mesma gravación que bailamos cada noite en ausencia dunha nova creación. A experiencia xa me deixou claro como as semicorcheas pasan a corcheas, estas a negras, brancas, redondas… e rematan por se estenderen na eternidade, condenadas a desapareceren o mesmo ca nós. Gustábame máis cando aínda saltabamos ao ritmo de semicorcheas, cada segundo cun novo son. Outra posición nova dominaba a partitura que debuxaba o noso alento. Tamén sei o que acontecía cada noite: chegas até a miña porta e enches os espazos coa túa alma. Xa non cabe máis neste pentagrama e o cancioneiro rematou. O concerto da túa orquestra turba os meus pensamentos, os teus vaivéns ourizan a miña pel.Tremo mentres vexo cómo o teu violín rompe de paixón. Pecho os ollos para te ver e sentirte máis preto a través do teu ritmo compasado. O pano de fondo xa fechou tempo atrás, pero aínda lembro o teu ollar fogoso mentres debuxabas música sobre o silencio da sala. Atrapei todos os recordos coa miña gravadora e agora esixo dereitos de autor. Tranquilo, xa remato, non quero desgastarte porque sei que estimas, como o poeta, que as cartas de amor son ridículas. Agora só me abstraio no medio da nosa congregación diaria de adictos á música dixital e deixo de tocarte para que remates ti aquilo que ambos os dous comezamos. Un réquiem de bicos.

# # # # # # # # # # # # Mozart # # # # # # # # # # # # # #

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.