Por un golpe de sorte

por María Loureiro

Aquel disparo rompeu a tranquilidade da noite… Uns pasos apurados achegáronse… Un grito! O meu pai matárase, matárase sen ningunha explicación. Ninguén sospeitaba as causas que o levaran a tal situación… Non había razón lóxica para o acontecido.
A súa morte causounos a dor máis grande que puidésemos imaxinar. Entristecíame pensar que xa non volvería ver o seu rostro, que sempre me dedicaba un sorriso sen importar se os tempos que corrían eran bos ou malos e escoitar aquela voz que sempre me animaba a seguir adiante e a non renderme nunca. Espantábame imaxinar a terrible causa da súa desgraza…

Meu pai era un home sinxelo, traballador e aparentemente feliz. Mesmo conservaba moitos amigos da facultade, o que non sabiamos era que tiña montado algo así coma un club no que apostaban a xogos de azar, como os dados, a lotería, o bingo…

Varios días despois do suicidio do meu ben querido pai, chamáronme os seus compañeiros para dicirme que cachease ben pola casa na procura dun boleto de lotería premiado. Ó parecer, todos os membros puñan cartos para mercaren un boleto e logo repartiren os beneficios, se é que os había, e o encargado de todo era meu pai… Un millón de euros para todos! E a nós corresponderíanos unha boa tallada! Que ben nos viñan!

Ó principio pareceume raro que a familia non soubese nada da tarefa que meu pai realizaba co grupo, pero eu busquei o boleto ata que xa non puiden máis. Cacheei ata o último recuncho do seu despacho e o que descubrín, reveloume o seu lado oculto, que descoñeciamos todos os que compartiamos con el o día a día. No último caixón do seu escritorio, atopei unha caixa de cartón que contiña aqueles recordos que meu pai non quería compartir con nós. Alí estaba toda a vida daquel home que me criara xunto coa miña nai e me dera o mellor de si mesmo. Había unha gorra de cando meu pai fixera o servizo militar en Ferrol e debaixo moitos papeis diferentes.

Levei a caixa para o meu cuarto e alí, tirado na cama, comecei a examinar todos os documentos. O primeiro era unha páxina arrincada dun anuario escolar onde aparecía un relato curto, do cal o autor era el, cousa que me sorprendeu, porque a historia era bastante boa e na casa nunca se soubera nada desa faceta súa. O seguinte que había na caixa era a garantía dunha guitarra. Xamais vira a guitarra, onde estaría? Tamén había a metade dunha foto na que aparecía el… tocando! Iso explicaba o da guitarra, pero eu comezaba a dubidar de se realmente coñecía a meu pai. Había moitas cousas máis que me sorprenderon e algunhas ata me fixeron recordar… Pero entón lembreime do boleto e seguino buscando.

Non o atopei, pero o que si descubrín na caixa forte foi, ademais dalgunhas facturas, un recorte dun xornal, onde aparecía a noticia do número agraciado, ó que sempre xogaban. Todos tratamos de buscarlle unha explicación razoable a aquel crebacabezas que nos tiña tan desconcertados…

Espertei á causa dun forte ruído… Todo fora tan só un mal soño, pero aínda así, tiña un mal presentimento… Estaba moi suado e… Sentiuse un grito que me conxelou o sangue… Mirei por toda a casa sen atopar a ninguén. Tiña o corazón nun puño cando asomei a cabeza pola porta do despacho de meu pai. Á primeira que vin foi á miña nai, que miraba aterrada para o outro lado do cuarto.

Vireime temendo o peor, pero alí estaba, tirado no chan e morto. Achegueime… Na man dereita aínda tiña a pistola… e na esquerda, aferrado como se se tratase do seu billete cara á morte, sostiña un boleto falso… e de súpeto, comprendino todo. Nós non sabiamos nada da lotería, porque el nunca a compraba, soamente enganaba ós compañeiros… Un bo truco, pero que fracasou por un golpe de sorte.

Deixa unha resposta