XXXIII

Antía Castaño

Antía Castaño

 Abrín a gran porta da catedral e vinte ó fondo. Alí estabas ti, co teu gran vestido negro de raíña tocando o piano. Rodeada de tules, de gasas… iluminada só pola pálida luz luar que entraba polas vidreiras case tapadas polo po e a cotra. O teu gran piano de cola negro escintilaba entre todas aquelas pedras silenciadas pola túa melodía. Esa canción triste que parecía que fundía almas ó seu paso. Pero esa, esa era a túa preferida… sempre te escoitaba tocala cando o teu corazón se esnaquizaba, cando as túas entrañas berraban mentres os teus beizos gardaban silencio, pero ese día era distinto, a catedral estaba máis fría do normal. Deime de conta cando una bágoa escorreu polo teu vestido ata chegar ó inferno e desaparecer. Nunca te vira chorar así que gardei silencio, coma sempre, agardando a que rematases a túa melodía, te ergueras e te abrazases a min con tódalas túas forzas. Eses abrazos eran os meus preferidos. Podía senti-lo teu corazón latexar sobre o meu peito e os teus suspiros na miña caluga. Pero ese día non ocorreu así. Non puiden ver case nada, nun intre a túa melodía silenciouse, paraches de tocar e só puiden observar un pequeno escintileo. Suspiraches e seguiches tocando, coma se nada… Arrepentiríame toda a miña vida de quedarme quedo, de non ter ido ó teu carón, de non ter chorado xunto a ti, de non terche dado ese abrazo que tanto boto de menos agora. Cando as notas más agudas do final soaron, olleino: un regueiro de sangue caía polo teu gran vestido escuro de raíña e debuxaba o chan. En segundos, e con fin pintado no aire, as teclas do piano tornáronse vermellas. O sangue chorreaba das túas mans, pero ti non parabas de tocar, non pararías ata que a morte cho impedise. E así foi. Eu intenteino, alceiche a miña man dende o abismo, pero non conseguín arrebatarlle a súa presa ó eterno infinito. O teu cadro estaba a piques de ser rematado. As últimas notas soaron, as últimas bágoas caeron, os últimos suspiros encheron o aire con cheiro a po da túa gran catedral, e caíches. Debruzaches sobre o teu gran piano, premendo tódalas súas teclas sanguinolentas que… estrañamente, gardaron silencio…

Deixa unha resposta