A hora da concepción perfecta

(Nel Vidal Barral)

Vaise achegando a hora da concepción perfecta
a hora exacta da recuperación da noción tempo
a hora concreta da ampliación da noción espazo,
a hora de vivir sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
ese algo que vive e que non se ve,
o alento sobrenatural de misterio,
a emoción.
Chega a hora de esquecerse da lenda
a hora… agora…
Agora medrades sen medrar,
necios letrados fillos de sabios analfabetos,
medrades sen sentir, vivides sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
nin a lenda, nin o misterio, nin a memoria.
Que tampouco morra a memoria
o segredo dos sabios
a base do criterio
o principio da crítica
o apaixonante motor do nós mesmos,
a memoria.
Mais achégase a hora da concepción perfecta.
Sede conscientes.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.