A luz desfaise impunemente na Habana

Iria Ríos

Iria Ríos

Habana
A luz desfaise impunemente na Habana
mentres o silencio goberna a fermosura
escoitando a chamada lenta do auxilio
e a pobreza inversa provoca esgazaduras de matriz,
a que fai que as rosas garden distancias infinitas
nesta illa pousada na soidade dunha bandeira.

O mar melancólico láiase na ollada do reloxo
impoñendo a súa tristura
e viaxa con aires da abandono
nun tempo no que o eco murmura
mentres a paixón debuxa a gaiola RESISTENCIA
e o aire entra de imprevisto batendo na face,
erguéndose en loita contra as chemineas do xardín.
É tal así, como quen desexa poñer cercas á inmensidade do mar,
único amigo que só aquí se para a xogar co paraíso.

Aquí nostalxia é o arrecendo do aire e amor o da auga
pois a colonia non logra asentarse nos corpos
que levan con eles o pan de cada día.

Lentamente murcha a senescencia da esperanza
escondendo renovadas, vellas inquedanzas,
e fan das vítimas as dúbidas imperio
mentres agardan cun rosario na man
un barco sen nome de prisión.

Vai cristalizando a ilusión de outrora
a soidade dun caravel truncado
e óllase a pantasma dos amigos que agora se rebela
ao lado dos que se consolaron rindo.

A resignación ve esmorecer as gorxas e os brazos
que berraban a consigna do pais alén mar,
ignorando que só os bicos lograrán calar
os laios que as armas non souberon derrotar.

Son disto testemuños eses érbedos que medran nos roteiros,
eses que viron aquelas glorias con forza pasar
namentres o ávrego enredaba naquelas nobres barbas.
Habana

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.