Metamorfose

Iria Rios

Iria Ríos

Roubaremos o lume da mórbida paixón
salvando ao desexo da inevitábel caída
que procurou co seu xogo de feridas sanguentas
debuxadas con lapis de artista contemporáneo
vestido con gravatas invisíbeis.

Abondará unha man para frearmos o animal ferido
e sentiremos como regresa o instinto primitivo
e viaxa polas arterias mesturado con nós mesm@s
conducíndonos a un canibalismo ancestral
de collermos o que nos pertence.
Cos dentes artellaremos as estradas que chegarán máis aló
e seguindo eses vieiros pido ser eu quen arrinque o corazón

a mordedelas
que esgacen o motor do noso produto
nacional
e saborearei a carne crúa que ha alimentar os meus anceios.

Ceibaremos os animais agochados baixo os traxes do autoengano
e serán eles quen logren recuperar a vida roubada
mentres coa boca ensanguentada somos nós @s traidor@s que nos erguemos
alentad@s co berro que nos aldraxaba na memoria
e ensinando os caíños empastados (logo do autocanibalismo)
apuntaremos coa man a Deus adicándolle
o himno
nacional.

Deixa unha resposta