Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ABAL HERMO, ANTONIO (A Pobra do Caramiñal, 11/06/1869 – 27/11/1944)

Doutor en Medicina, foi o director do Grande Hospital de Santiago en 1899 e Subdelegado de Medicina na provincia coruñesa. En 1911 publicou a súa tese doutoral, que fora presentada en 1904 co título Sobre la sífilis y su tratamiento por algunos preparados mercuriales. Tesis del doctorado en Medicina presentada por D. ... Médico Director del Gran Hospital de Santiago Y Subdelegado de Medicina. Año de 1904 (Santiago, Tip. El Eco de Santiago). Malia ser unha tese doutoral trátase só dun folleto de 37 páxinas.
Amigo de Valle-Inclán, este foi o seu inquilino na quinta coñecida como “Villa Eugenia”, na rúa pobrense de San Roque, de 1921 a 1924, e nesa casa naceron os fillos de Valle, Jacobo Baltasar e Ana María Baltasara, o primeiro en 1922 e a segunda en 1924. Nesta casa falecerá Antonio Abal Hermo.
Licenciara en Medicina en 1890 e en 1909 fora expedientado por castigar ao ordenanza do Grande Hospital, Cándido Paz Ares, sen motivo aparente, aínda que probablemente porque este non votou aos candidatos ao Concello de Santiago que Abal lle recomendara.