Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ACUÑA Y MALVAR, MANUEL (Salcedo, 16/04/1757 – Ribeira, 01/03/1845)

Membro dunha ilustre familia, este sacerdote liberal foi párroco de Carreira e ademais pasou varios anos recluído por motivos políticos no seu pazo de “La Soledad”, na Conlleira, Ribeira, onde faleceu, ao parecer dunha infección de vexiga. Foi soterrado ao día seguinte da súa morte na porta principal da Igrexa de San Paio de Carreira e tívose o seu funeral na Igrexa de Artes o día 3 de marzo, asistindo trinta e sete sacerdotes. Contra o que era costume fixo herdeiros aos seus sobriños Severo Rodríguez e Carlota Fajardo, de Cambados, sen deixar manda ningunha para obras pías, como soían facer os sacerdotes da época. Estaba en posesión da Orde de Carlos III.

Cóengo de Compostela en 1792, arcediago do Salnés en 1795, loitou contra os franceses e contra o absolutismo, organizando en 1809 o levantamento de Galicia e participando na reconquista de Vigo e Tui.
Defendeu as súas teses liberais en xornais como <El Ciudadano por la Constitución>, e nos anos de reacción absolutista estivo preso no convento de Herbón de 1814 a 1820, véndose obrigado, ademais, a exiliarse algunha vez. Retirouse da vida política en 1837.

En galego atribúeselle o folleto Diálogo entre Dominjos e Farruco, sobre admistrasón de xusticia da sua aldea (1820), que foi publicado en 1991 por Xosé Ramón Pena. Trátase dun folleto para enxalza-la Constitución Liberal de 1812.

En castelán foi autor de varios folletos de índole política, sempre defendendo posturas liberais, que se titulan Censura e impugnación de los “Sucesos militares de Galicia en 1809” que ha dado a luz en diciembre de 1811 el coronel D. Manuel García del Barrio, Cádiz, 1812, Oficio que ha pasado el señor canónigo D. Manuel Acuña y Malvar, en 31 de marzo de 1813, al Excmo. Sr. Marqués de Campo Sagrado, comandante general y jefe superior de Galicia (Santiago, 1813), folleto no que recorda ao comandante xeral o deber de cumprir o decreto que obrigaba a disolver a Inquisición, La constitución violada y mala fe guardada: o bien sea la punible, injusta, despótica, tumultuaria, grosera, escandalosa, temeraria, ratera, atrevida, extravagante, cismática, ridícula, provincialista, quijotesca, intempestiva, zafia, degradante, farolera, clandestina, godoyana, antipolítica, antirreligiosa, anticonstitucional, anticanónica, antipatriótica y nula posesión de cuatro prebendas que ha dado el Cabildo de Santiago en 24 de marzo de 1813 por contemporizar con el arzobispo, Santiago, 1813, que Couceiro Freijomil comenta dicindo que o título “revela todo un carácter”. Aínda hai que engadir o folleto editado en Cádiz en 1813 co título Representación que hace a S.M. al Congreso Nacional el Lcdo. D. ... quejándose del proceder escandaloso del M.R. Arzobispo de aquella diócesis, de los atentados que ha cometido y comete contra la soberanía del pueblo español e Villaamil y Castro cita ademais o Oficio que ha pasado el señor canónigo D. Manuel Acuña y Malvar, en 31 de marzo de 1813, al Excmo. Sr. Marqués de Campo Sagrado, comandante general y gefe superior de Galicia (Santiago, Impr. de Manuel Antonio Rey, 1813), ademais de indicar que estaba a escribir unha “Historia Militar de Galicia en 1809”, da que non se coñece a súa existencia.

Isidoro Millán González-Pardo apuntoulle a Carballo Calero a posibilidade de que a maioría dos diálogos liberais, en galego ou bilingües, anteriores a 1836 fosen da autoría de Acuña e Malvar, hipótese moi plausible para Carballo, sobre todo dadas as características lingüísticas e temáticas do diálogo “Encuentro y coloquio que tuveron na pontella da Chaínsa, cercana á vila de Noya, Gurumete, Pedro de Atanasio, é Pepe Alonso, ó día 13 de noviembre de 1836 , en que se nombrou na-quela Vila ó Auntamiento Costitusional”, folleto impreso por José Fermín Campaña y Aguayo en Santiago o 27 de xaneiro de 1837.
Colaborou Acuña y Malvar en <El Ciudadano por la Constitución>, xornal liberal da Coruña dirixido por Manuel Pardo de Andrade: “Artículo comunicado” (11 – 04 – 1813), no que critica a Múzquiz por cobrar os beneficios eclesiásticos da parroquia de Nebra.