Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

AGRAFOXO PÉREZ, XERARDO (Noia, 1952)

Mestre de E.X.B., doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor de ensino medio en Boiro, é autor de obras sobre a prehistoria e a historia contemporánea, así como de traballos didácticos, entre os que se poden citar: Noia: unha vila histórica dende a orixe ata a Edade Moderna (Lousame, C.P. de Lousame, 1987), Prehistoria e arqueoloxía da terra do Barbanza (1986), A cultura castrexa nos concellos de Outes, Muros e Carnota (Noia, Toxosoutos 1991), 400 anos na historia da vila de Noia. Dende a Idade Moderna ata a Segunda República (Noia, Toxosoutos, 1991), Didáctica da prehistoria de Galicia (Noia, Toxosoutos, 1992), Didáctica da historia antiga e medieval de Galicia (Muros, Toxosoutos, 1993), Didáctica da historia moderna de Galicia (Muros, Toxosoutos, 1995), Didáctica da historia contemporánea de Galicia (Noia, Toxosoutos, 1997), O hábitat castrexo no val de Barcala, Amaía e o val do Dubra (Noia, Toxosoutos, 1992), 1937. A Guerra Civil en Lousame e Noia. O fusilamento de David Mouriño Ramos (1997), A Segunda República en Lousame e Noia (Lousame, Concello, 1993) e A Guerra Civil en Lousame e Noia. Testemuñas dunha represión (1995). Aínda se debe engadir o traballo, editado polo autor en Santiago, titulado O poboamento castrexo na rexión occidental da provincia da Coruña (1989).


O volume 1938 – 39. A Guerra Civil en Lousame e Noia leva por subtítulo “O triple crime de Marselle. A traxedia do Baleares”, e é o derradeiro volume da triloxía que o autor adicou a estudar a Guerra Civil e as súas consecuencias nas dúas vilas citadas, monumental esforzo baseado non só en fontes bibliográficas e arquivísticas, senón tamén en testemuños de superviventes. A obra foi editada polo Concello de Lousame e vai acompañada de ilustracións.


É autor tamén de artigos divulgativos entre os que se pode citar “Os primieros poboadores da Ría. De Kenya a Baroña pasando por Atapuerca” (<Casa da Gramática>, Noia, nº 8, 2000).


Na revista noiesa <Alameda> publicou os traballos “Memorias do franquismo” (nº 0, maio, 2000), “30 anos dun tráxico naufraxio” (nº 1, agosto, 2000), “A morte de Dª Lucía Romero Molezum. O conflicto da Fundación R. Blanco-Monroy” (nº 2, decembro, 2000), “A casa e horta da Fundación Blanco-Monroy” (nº 3, abril, 2001, con Pedro García Vidal), “Incidente no casino” (nº 4, xullo, 2001), “Franco en Noia” (nº 3, abril, 2001), “150 apelidos de Noia” (nº 5, setembro, 2001), “Viaxe sentimental polo cemiterio de Santa María a Nova” (nº 6, decembro, 2001), “Historia” (nº 8, xullo, 2002) e “Lousame versus Noia” (nº 9, setembro, 2002). No 2002 apareceu un monumental volume titulado Memorias do franquismo (Noia, Toxosoutos), subtitulado “A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás”.


Ademais do seu labor de historiador, é tamén narrador, xa que en 2003 publicou o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde (Santiago, Laiovento) e logo gañou en 2004 o Premio Manuel García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T (Vigo, Galaxia, 2004).