Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ALVAREZ DE LA BRAÑA, RAMÓN (Noia, 27/05/1837 – Madrid, 16/07/1906)

Tivo por profesión a de arquiveiro-bibliotecario, tendo servido nas bibliotecas de Mahón e na Biblioteca Nacional dende 1898, ademais de ter dirixido o Museo Arqueolóxico de León en 1897 e a biblioteca de Valladolid. Colaborou en xornais e revistas de todo o estado español con traballos históricos e bibliográficos, pertencendo á redacción das revistas <La Gaceta Popular> e <Revista Hispanoamericana>, pero colaborou tamén en <El Buscapié> de Pontevedra, <Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos>, <La Ilustración Cantábrica>, <La Ilustración Española y Americana>, <La Ilustración Nacional>, entre outras. Era Cabaleiro da Orde de Carlos III.

Na súa xuventude comezou a publicar, por entregas, unha Gramática y vocabulario del dialecto gallego (Madrid, 1863), da que só se imprimiron dúas entregas. Pero na súa obra Galicia, León, Asturias está contido o artigo “Del origen y la formación del dialecto gallego”, que apareceu na reedición de 1894, artigo que xa aparecera na revista pontevedresa <El Buscapié> en 1868. Como narrador publicou dúas novelas históricas, a titulada Roland, premiada no certame de Tolosa, e Don Gutierre, aparecida esta última no folletín do xornal <El Porvenir>, de León (1895 – 1896). Ambas as dúas novelas apareceron nun volume en León en 1895.

As súas obras máis importantes son Galicia, León y Asturias, (A Coruña, Biblioteca Gallega, 1894), prologada por Luís Rodríguez Seoanae; Guía del viajero en Santiago (León, Tip. de Miñón, 1875, pero 1876 en cuberta; 2ª ed., León, Impr. Rafael Garzo e Hijos, 1885) e Biblioteca legionense. Su origen y vicisitudes, con dos memorias anuales y los índices de manuscritos, incunables y libros raros y curiosos (León, 1884). Ademais é autor do Catálogo de la Biblioteca Provincial de León (León, 1875, 1897 e 1905), Siglas y abreviaturas latinas con su significado y un catálogo de las que se usaban en los documentos pontifícios, obra que lle foi premiada en Madrid en 1885 (León, Impr. y Libr. de Rafael Garzo e Hijos, 1884; 2ª ed. Hildesheim, Georg Olms, 1978), Relación del descubrimiento del río Apure hasta su ingreso en el Orinoco por Fr. Jacinto de Carvajal, ademais de moitos artigos e ensaios eruditos como “Monterrey” (<Galicia>, A Coruña, nos 10, 11 e 12, 1893) e “Un manuscrito de Fr. Martín Sarmiento” (Ibid., nº 12, decembro, 1887).

No <Boletín de la Sociedad Castellana de Excursiones> publicou os artigos “Carta de hermandad entre los Reynos de León y Galicia” (agosto, 1905), “San Marcos de León” (abril, 1905), “Un documentos histórico” (T. II, 1905 – 1906), sobre o xuramento de Carlos I nas Cortes de 1518 celebradas no Mosteiro de San Pablo de Valladolid, “Documento histórico de 1387” (T. II, 1905 – 1906), “Crucifijos románicos de marfil” (xullo, 1905), “Crónica de la excursión a Cabezón, Palazuelos y Aguilarejo” (xullo, 1905), “Excursión a La Mota del Marqués, San Cebrián de Mazote, Adalia, Torrelobatón y Wamba” (nº 7 – 8 – 1903). Na <Revista de Archivos Museos y Bibliotecas> apareceron os traballos “Creación de una universidad en León el año 1573” (1873), “Visita al Monasterio de Sandoval” (2ª ép., T. IX, nº 5, 1883), “Un ejemplar de la Bíblia Políglota existente en la Biblioteca de León” (nº 20, 1875), “Carta de D. Fernando el de Antequera sobre una derrota de los ingleses en el año 1413” (T. VII, 1902).

Na revista <La Ilustración Española y Americana> publicou os artigos “San Miguel de la Escalada” (Madrid, 15 – 08 – 1875) e “Un documento legislativo del Rey Don Alfonso el Sabio” (08 – 04 – 1895), mentres que no <Boletín Histórico de Madrid> apareceu o ensaio “Origen y antigüedad de la Orden Militar de Santiago” (nº 12, 1882) e en <La Ilustración Nacional> apareceron traballos como “Un monumento epigráfico y tres documentos de importancia para la Historia de Galicia” (Madrid, XVI, nº 9 , 1895). Na <Revista Histórica Latina> de Madrid publicou “Rendición de la plaza y castillo de San Felipe (Murcia) 1781 – 1782” (Tomo III, 1876), na <Revista Hispano-americana> apareceu o ensaio “Noticias histórico-críticas acerca del origen de la imprenta y su propagación en España y las Américas” (T. III, 12 – 09 – 1865), mentres que en <El Porvenir de León> publicou “Hisoria de Puente Castro” (1902). Colaborou ademais en <La Suerte> (Sevilla), <El Buscapié> (Pontevedra) e <La Gaceta Popular>.

Dende a súa fundación era académico correspondente da Real Academia Galega.