Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ARCOS MOLDES, JOSÉ (Cures, Boiro, 1865 – Rianxo, 30/10/1944)

J. A. Durán dá como data de nacemento a de 1863 e como data do pasamento aparece o 30 de outubro de 1945 na GEG. Comoxo e Santos anotan que naceu en Outeda, Santa María do Curro, no concello de Barro, o mesmo dato que aporta Xosé Luís Axeitos. Residiu na vila de Rianxo dende neno e tivo por profesión a de perito mercantil. Colaborou en moitos xornais comarcais e foi o director, a petición de Castelao, de <El Barbero Municipal>, semanario rianxeiro.

En 1914 fundou <Justicia>, semanario que era portavoz do movemento agrario Acción Gallega. Ademais publicou artigos e relatos en xornais como <El Noroeste> de Vilagarcía, e nas revistas <Vida Gallega> de Vigo e <Galicia Nueva> de Vilagarcía de Arousa. Xa en 1895 fundara en Rianxo o xornal <El Censor>.

José Antonio Durán deu a coñecer un dos seus relatos, titulado “O que naceu pra ichavo...” que fora publicado en <El Barbero Municipal>, nº 108, en agosto de 1912, e que está moi próximo aos contos de Castelao pola recreación de elementos rianxeiros.

De interese para coñecer a súa traxectoria é o escrito “Hojas sueltas (Del libro de mi vida)” publicado na revista <Rianxo> de Bos Aires en 1950.

Algunhas fontes (EGU) anotan que naceu en Outeda, municipio de Boiro.