Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ARMERO, MANUEL SILVESTRE (Noia, Século XIX)

Foi o primeiro alcalde de designación popular da vila de Noia, en 1812, e Manuel Fabeiro Gómez, no seu folleto Noia: tradición musical (Noia, Sociedade Liceo, 1991) cre que é o autor do folleto e das letrillas contidas nel, folleto que se publicou en Coruña en 1812, co título Relación de las funciones que hizo el M. I. A. de la villa de Noya en los días 20 y 21 de setiembre con motivo de la publicación de la constitución política de la Monarquía Española (Coruña, Antonio Rodríguez, 1812). O folleto de Fabeiro reproduce as letrillas, a portada do folleto e dá outra serie de datos de sumo interese. Como mostra dos seus versos políticos velaí un terceto:


Baxo un gobierno arbitrario
son la regla del poder
las cadenas y el querer.

Martínez Salazar publicou tamén os hexámetros latinos de Manuel Armero, dos que seleccionamos o primeiro deles:

Hesperidum, Salve, rerum qui nasceri ordo:
tu fulcrum Patriae: tu rumpis fata tyranni.

Estes hexámetros foron colocados en catro medallóns para solemnizar a proclamación da constitución do ano 1812 e na tradución libre de Martínez Salazar, que nós pasamos ao galego terían este significado:

“Salve, oh constitución política das Españas, que fas revivir a orde admirable das cousas do Estado. Ti es o sostén da Nación contra os seus inimigos: ti prevés e anulas os abusos do poder absoluto, e destrúes as sementes da tiranía. A voadora fama leve ós pobos aflixidos esta feliz nova; descúbralles os inmensos beneficios desta Lei Constitucional e anuncie ós dignos fillos da Iberia, en recompensa dos seus traballos, un porvir cheo de ventura na Sociedade. Conságrase con eternos cánticos e himnos de recollecemento e grávense con letras de ouro a liberdade do Español e a proclamación de Fernando elevado pola Constitución da Monarquía ó Trono dos seus avós. O defensor da Patria non verquerá xa o seu sangue por capricho do Goberno nin o cidadán virtuoso deixará de ser atendido: uns e mailos outros teñen a doce esperanza de que serán altamente honrados con premios inmortais. Hoxe é o día máis importante e digno de admiración que nos amenceu xamais e sería completamente ledo, senón botasemos de menos ó noso Príncipe, fatalmente escravo, o que nos fai verquer bágoas do máis puro afecto.
E a vós, pais ilustres da Patria, escolleitos polo pobo Augusto e Mestres da obra inmortal da Constitución, o Ceo vos alongue os días dunha vida feliz. As xeracións todas bendiciranvos e encheránvos de gloria pola vosa constancia e sabedoría.”