Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

AVILÉS VINAGRE, ANTÓN (Noia, 1935 - 1992)

Coñecido polo seu pseudónimo Antón Avilés de Taramancos, que fai referencia á súa aldea natal. Viviu durante moitos anos en Colombia. Colaborou á súa volta no xornal comarcal <Barbanza>, onde sostivo varias colaboracións cos pseudónimos “Avilés de Taramancos”, “Ulises Fingal” e “Hércules. Poirot”, figurando este último na sección “Coluna de Hércules”. Ademais publicou en importantes revistas como <Atlántida>, <Aturuxo>, <Grial>, <Dorna>, <Luzes de Galiza>. Importantísimo poeta, de grande alento épico, deuse a coñecer en 1955 con As moradías do vento, (A Coruña, separata de <Atlántida>, nº 11 – 12), en 1959 A flauta y-o garamelo (A Coruña, Moret; 2ª ed., Santiago, Follas Novas, 2000) para non voltar a publicar poesía ata 1982, ano no que publica O tempo no espello (Sada, O Castro). En 1985 aparece a súa obra mestra Cantos caucanos (Barcelona, Sotelo Blanco; 1ª ed. non venal, Noia, 1983 – 1984). Premio da Crítica Española, en 1989 aparece o sonetario As torres no ar (Santiago, Sotelo Blanco) e xa, postumamente, Última fuxida a Harar (A Coruña, Espiral Maior, 1992), Premio da Crítica Galega en 1993. Aínda se poden citar a separata do <Boletín Galego de Literatura> Obra inmisericorde (1990) e a Antoloxía poética (1955 – 1990), a cargo de Fernán Vello e editada pola Biblioteca 114 de <El Correo Gallego> en 1992. A súa poesía está presente en moitas antoloxías, entre as que se poden citar a preparada por Anxo Angueira La poésie galicienne de 1936 à 1990 (Namur, Sources, 1999) e a organizada por Yara Frateschi Vieira: Antologia de poesia galega (Campinas, 1996). Contamos hoxe ademais cunha edición bilingüe dos Cantos caucanos (A Coruña, Espiral Maior, 2000), estando a cargo a versión castelá de Ánxeles Penas, responsable tamén da introdución. Ademais a rusa Elena Zernova incluíu a Avilés no volume terceiro, editado en San Petesburgo en 1997 Antoloxía da literatura galega, en versión ruso-galega.

Como narrador publicou o volume Nova crónica das Indias (Vigo, Ir Indo, 1989 e 1998), e os seus ensaios recolléronse en Obra viva (Santiago, Laiaovento, 1992). Foi tamén importante tradutor de poetas franceses ao galego: Crónica, de Saint-John-Perse (Noia, Col. Vento de Fóra, 1991) e O cemiterio mariño (A Coruña, Espiral Maior) de Paul Valèry Traduciu tamén para a revista <Dorna> poemas de Jack Hill.

Do seu libro de relatos Nova Crónica das Indias reproducimos un poema contido no relato
“O regreso de Ulises Fingal”:


Campanas de Bastavales
-miña nai arrola un neno-
Rosalía, non afíes
na miña gorxa o coitelo.
Campanas de Bastavales
chegaron rompendo o vento
e cantan de pinga en pinga
no meu corazón sedento.
Rosalía, non me deixes
tan lonxe que teño medo.
E ti campana de Anllóns
campana con voz de ferro
Bergantiñán no me esquezas,
dáme unha man compañeiro
que ando polo mundo a tombos
e quero volver aos eidos.

E quero cantar o maio
todo de flores cuberto.

Un dos seus primeiros poemas foi dedicado a Manuel Antonio, aparecendo no suplemento “Rianxo” da revista <Sonata Gallega> co título “Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soia” (1952).

En 1992 apareceu en Noia o volume Homenaxe a Avilés de Taramancos polos alumnos do colexio J. Valmes, editado polo Concello de Noia e coordinado por Mariño Reino, que pon á fronte o traballo titulado “Antón Avilés e Noia”.

Nos seus comezos literarios dedicou varios poemas a literatos do Barbanza: “A Castelao” (<Lar>, Bos Aires, 25 – 07 – 1953) e “Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soia” (“Rianxo”, Supl. de <Sonata Gallega>, 1952).

Estreou a peza teatral Tres capitáns de tempos idos, en 1983, representada polo grupo teatral Serra de Outes. A obra foi editada en 2003, con introdución e apéndice de Pilar Sampedro, conservando ilustracións do autor e engadindo outras de Manolo Uhia (Vigo, Xerais de Galicia).

Como curiosidade cómpre anotar que Hermida e Agrelo apuntan a existencia dun libreto titulado Una tragedia en verso y prosa, publicado en 1958.

Ocasionalmente empregou os pseudónimos “Xoán Perillán”, “Felicitas de Castelgandolfo” e “Bernaldo Fros”.