Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

AXEITOS AGRELO, XOSÉ LUÍS (Rianxo, 1945)

Natural de Asados, licenciado en Filoloxía Románica, é profesor de Ensino Medio na Coruña. Crítico literario, colaborou en revistas como <Verba>, <Grial>, <Ínsula>, <A Trabe de Ouro>, <Boletín Galego de Literatura>, etc. Editou obras de Sarmiento (As coplas galegas do Padre Sarmiento, Sada, O Castro, 1982), Sobreira, Cornide (Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal. Hecha en el año de 1764, Sada, O Castro, 1991), Seoane, e en 1992 publicou Poesía galega completa de Manuel Antonio (Santiago, Sotelo Blanco), a quen adicou o ensaio A poética de Manuel Antonio (Vigo, Cumio, 1993). Xa no ano 2000 publicou o volume divulgativo Manuel Antonio (Xunta de Galicia, “A Nosa Memoria”), no que publica dúas prosas pouco coñecidas do poeta rianxeiro.

É tamén o compilador dunha magnífica Antoloxía de poesía galega erótica e amatoria, editada pola revista <Luzes de Galiza> (Sada, O Castro), volume que saíu do prelo en 1988 e que leva un prólogo do compilador titulado “Reflexión necesaria encol do concepto de erotismo”. A antoloxía inclúe ao poeta barbanzán Avilés de Taramancos.
Coordinou o volume Congreso Rafael Dieste (Santiago, Xunta, 1995), no que se recollen as actas do congreso sobre o escritor rianxeiro celebrado na Coruña en Maio de 1995.

Outros traballos de importancia sobre figuras literarias do Barbanza son: Rafael Dieste 1899 – 1981. Unha fotobiografía (en colab., Vigo, Xerais, 1995), Rafael Dieste: Ollar o mundo con sede adiviñadora (A Coruña, Espiral Maior, 1995) e Rafael Dieste. Bibliografía e cronoloxía (Santiago, Universidade, 1995), ademais de varios artigos de tema diesteano publicados nas revistas <Encrucillada>, <Grial>, <Boletín Galego de Literatura> e <Revista Galega do Ensino>.

Entre os seus artigos cómpre citar os titulados “De Jean Epstein a Manuel Antonio: a ironía como recurso” (en VV.AA: Manuel Antonio. Embarcados nun cantar, Vigo, A Nosa Terra, 1996) e “Un poema de Luís Seoane para Manuel Antonio” (Ibid.).

Entre os moitos artigos dedicados a Rafael Dieste destacan os titulados “O diálogo epistolar dos irmáns Dieste (Eduardo – Rafael) ou a vida como literatura” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 7, 1992), “As fiestras de Rafael Dieste” (en R. Dieste: A fiestra valdeira, Santiago, IGAEM, 1994), “Rafael Dieste, esa iluminada soledad” e “As chuvias outonais. Reflexións sobre un poema inédito do poeta rianxeiro” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 6, 1991), artigo este último no que relaciona a Manuel Antonio con Dieste, “A aventura epistolar en Rafael Dieste. Datos para unha poética da carta” (<Grial>, 125, 1995), “As Misións Pedagóxicas en Galicia. Rafael Dieste entrevistado por Gómez del Valle e J. Carballeira” (<Grial>, 125, 1995), “Vida e literatura no epistolario de Rafael Dieste. Datos para unha poética do escritor rianxeiro” (<Encrucillada>, 92, 1995), “As ideas sociais e educativas de Rafael Dieste. Do mesianismo á fraternidade” (<Revista Galega do Ensino>, 8, maio, 1995), “Dos arquivos de Rafael Dieste: lembranza de Antonio Baltar” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 15 – 16, 1996), “Dos arquivos de Rafael Dieste: cartas dos Otero Espasandín ós Dieste” (Ibid., 13, 1995) e “Dos arquivos de Rafael Dieste: cartas de Antonio Sánchez Barbudo ós Dieste” (Ibid., 14, 1995). É mester aínda citar o seu traballo “A poesía galega nos últimos trinta anos” (<Colóquio / Letras>, julho – dezembro, 1995), “O poema Cebra, de Claudio Rodríguez Fer” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 4, 1990), “La poesía de Claudio Rodríguez Fer (notas periféricas para su lectura)” (<Ínsula>, nº 531, 1991), “O celtismo na poesía galega” (<Anuarios de Estudios Literarios Galegos 1992>, 1993), “Catecismo do labrego: intertextualidade e parodia” (<Grial>, 79, 1983), “As ‘Choivas outonais’ , de Manuel Antonio (reflexións sobre un poema inédito do poeta rianxeiro)” (<Boletín Galego de literatura>, nº6, 1991). Aínda se poden engadir os traballos “Dos Arquivos de Rafael Dieste: Carlos Maside no exilio” (Ibid., 23, 2000), “A poética da emigración. Manuel Antonio: rupturismo e poeticidade” (<A Trabe de Ouro>, nº 15, 1993), “El exilio gallego sesenta años depués” (<Ínsula>, nº 627, 1999), “A linguaxe de amor e de desexo na obra de Luís Seoane” (<Unión Libre>, nº 4, 1999), “La poesía de los 80 en el discurso literario finisecular” (<Ínsula>, nº 629, 1999) e “O simbolismo literario” (<Ferrol Análisis>, nº 13, 1998), sobre o pintor Camilo Díaz Baliño. No volume Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero (Santiago, Universidade, 1999), publicou o traballo “A revista Cabalgata, outra publicación do exilio galego”, traballo que é unha mostra da súa preocupación pola temática dos escritores galegos exiliados, eido no que tamén hai que citar a súa edición da Poesía completa de Lorenzo Varela (Sada, O Castro, Biblioteca do Exilio, 2000).