Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BARREIRO FERNÁNDEZ, XOSÉ RAMÓN (Ribeira, 02/12/1936)

Licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, licenciado en Filosofía e Letras e Doutor en Historia, é Catedrático de Universidade. Ademais de moitos traballos xurídicos e históricos en castelán é autor do volume galego Historia de Galicia. Edade contemporánea (Vigo, Galaxia, 1981). É membro numerario da Real Academia Galega, e tamén do Consello da Cultura Galega. Na Real Academia Galega entrou co discurso O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823 – 1846), que foi lido na recepción pública do 14 de febreiro de 1997 e que foi editado por esa institución, coa resposta de Xesús Alonso Montero, nese mesmo ano.

Entre as súas obras históricas en castelán cómpre citar El carlismo gallego (Santiago, Pico Sacro, 1976), Liberales y absolutistas en Galicia (Vigo, Xerais, 1982), El Levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (Santiago, Pico Sacro, 1977), Liberales y absolutistas en Galicia (Vigo, Xerais, 1982), Historia contemporánea de Galicia, catro volumes editados na Coruña entre 1982 e 1984, Historia de La Coruña, editada en 1986 e Historia de la imprenta en Galicia, en colaboración con Antonio Odriozola, editada en 1990.

Entre os seus estudos no campo xurídico figuran “El origen litúrgico del Derecho Canónico”, “El titulus en la evolución del derecho”, e “La estabilidad del beneficio”, entre outros.

Outros traballos seus relacionados co campo eclesiástico son “Abadalogio de San Martín Pinario de Santiago de Compostela (1605-1836)” (<Studia Monástica>, Barcelona, 1966), “La incorporación del monasterio de San Martín a la reforma de Valladolid” (<Compostellanum>, 1967), “La reforma estructural de la microparroquia rural en Galicia” (<Compostellanum>, XII, 1968), “Política religiosa de la primera República Española” (<Atenea>, San Juan de Puerto Rico, 1973), “El pontificado de García Cuesta” (<Compostellanum>, 1972), “La incorporación del monasterio de San Martín a la reforma de Valladolid” (<Compostellanum>, 1967), “Aproximación metodológica al estudio del federalismo republicano en Galicia (1869 – 75)” (I Jornadas de metodología aplicada, 1973), “Ideario político-religioso de Rafael Vélez, obispo de Ceuta y Arzobispo de Santiago (1777 – 1850)” (<Hispania Sacra>, nº 25, 1972), “Pronunciamento de 1846 e Rexionalismo galego” (<Grial>, nº 50, 1975), “El evolucionismo en Galicia en el siglo XIX. Hipótesis interpretativa del atraso de la ciencia en España durante la segunda mitad del siglo XIX” (con Rodríguez Díaz-Ruibal, <Compostellanum>, XVI, 1971), “A publicidade das compañías e liñas de navegación na prensa ata 1874” (<Estudios Migratorios>, nº 1 , 1995), entre outros moitos.

O seu artigo “O clero galego afrancesado” (<Encrucillada>, nº 66, 1990) contén unhas interesantes consideracións sobre a familia Acuña-Malvar:

“A familia dos Acuña y Malvar, (tres clérigos, sobriños do arcebispo Malvar y Pinto), cubría estratexicamente os distintos campos políticos do momento: D. Pedro era partidario de Godoy, D. Manuel era un liberal radical e D. Andrés, Rector da Universidade, era absolutista. En calquera situación, a familia tiña asegurada a súa supervivencia política.”

De moito interese é o seu ensaio “Ficción e realidade histórica na novela O señorito da Reboraina”, na que estuda o influxo da historia do século XIX nesta novela de Otero Pedrayo. Foi publicado en Kremer, Dieter (ed.): Homenaxe a Ramón Lorenzo, Vigo, Galaxia, Vol. I, 1998, (pp. 321 – 332). Tamén cómpre citar o traballo “Valle-Inclán e o carlismo” (<Outeiro>, nº 20, marzo, 1986), ademais do titulado “Apoloxía do xudaísmo nunha obra teatral inédita de Martínez Padín (1842)” (Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, t. II, Santiago, Universidade, 1999).
Colaborou en volumes colectivos como El pórtico de la Gloria (1965) e El trabajo manual del clero (1967), ademais de A parroquia hoxe :“A parroquia. Posibres bases prá unha reforma eclesiástica da parroquia”, Vigo, Galaxia, 1970), Historia de Galicia (A Coruña, ANPG, 1979) e “Galicia en los siglos XIX y XX”, contida no volume Enciclopedia temática de Galicia. Historia (Barcelona, Nauta, 1989).

Xa no ano 2000, en colaboración co rianxeiro Xosé Luís Axeitos, publicou o volume Manuel Murguía. Vida e obra (Vigo, Xerais de Galicia).

De moita importancia son os volumes que redactou para o “Proxecto Galicia” da Editorial coruñesa Hércules, máis en concreto o volume IV: A Galicia do Antigo Réxime. Ensino, ilustración e política, o volume VI dedicado á historia de Galicia, e o volume VII titulado Historia contemporánea. Política. Século XIX. No volume colectivo Actas do Congreso Galicia nos Tempos do 98 (Santiago, Xunta de Galicia, 1998) publicou o traballo “Galicia ante o 98”. Aínda cómpre citar outros traballos como “Rosalía de Castro e o Liceo da Xuventude de Santiago” (<Outeiro>, nº 19, 1985), “Galicia no tempo de Rosalía” (V.V.A.A.: De Rosalía a Castelao: Galicia (1837 – 1950), Santiago, 1985) e “Debates ideolóxicos e políticos en Galicia no período 1846 – 1868” (Actas do Congreso Internacional de Estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, III, 1986).