Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BENDAÑA CALVELO, M. (Vilagarcía de Arousa, 1907)

Aínda que natural de Vilagarcía, residiu na Pobra, onde traballou nas artes gráficas e onde casou con Carmen Crusat Pedrido en 1931.

Foi o compilador da Guía del partido judicial de Noya, editada na Pobra en setembro de 1934 pola tipografía de C. Crusat. A obra, que abarca os municipios de Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Lousame, Porto do Son e Boiro, contén colaboracións de J. Cerqueiras, Félix Roig Roura, Juan Vergara, Luís Hoyos Cascón (notario da Pobra) e Luís P. González sobre a Pobra do Caramiñal, mentres que sobre Ribeira escribe J. Bautista M. Lemiña, que fora director do xornal ribeirense <La Coraza>. O maior interese da obra reside na interesante colección de fotografías que contén, que dan unha instantánea visual da bisbarra do Barbanza antes da Guerra Civil. As fotografías da Pobra son da autoría de A. Soler, A. Lago, J. Vergara, A. Abal, S. Tato e F. Otero, ademais de conter un debuxo da Torre de Bermúdez realizado por M. Cerqueiras. As fotografías de Porto do Son son da autoría de Óscar Porta.

A guía aporta datos históricos interesantes, como poden ser a composición dos distintos concellos, os anuncios dos comerciantes que nos indican a vida económica da bisbarra e outros detalles da vida cotiá destes municipios. Así, en 1934 era alcalde de Noia Germán Vidal Barreiro, e a vila contaba con 10.986 habitantes de feito e 12.326 de dereito, mentres que A Pobra do Caramiñal contaba con 14.723 habitantes de feito, 16 escolas e era alcalde da vila José María Abal Mariño. Ribeira contaba con 22.335 habitantes de feito e era o seu alcalde José Fernández Bermúdez, propietario dun almacén de sal na vila. Porto do Son tiña 13.462 habitantes de feito, e era o seu alcalde Pedro Queiruga Domínguez. En Boiro vivían 13.246 habitantes e o seu alcalde era Benito Calo Beade, mentres que Lousame contaba con 6.624 habitantes e o alcalde era José Filgueira Pérez.

Aínda contén a guía outros moitos datos históricos de interese, como é o caso da denominación das prazas e rúas das vilas da bisbarra.