Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BLANCO VILA, LUIS ALFONSO (Boiro, 09/11/1936)

Doutor en Filoloxía Románica, licenciado en Ciencias da Información, ensinou Literatura Mundial Contemporánea na Universidade Complutense de Madrid, e é profesor dos cursos da Universidade de Verán de El Escorial e da Universidade Internacional Menéndez y Pelayo.

Como xornalista, eido no que destacou, foi comentarista político do xornal madrileño <Ya>, director do xornal coruñés <El Ideal Gallego> e das revistas madrileñas <Temas> e <Iglesia en Madrid>.

Ocupou tamén algúns cargos políticos como o de Director de Relacións Externas do Ministerio de Facenda.
Destaca tamén no terreo literario, no que publicou poesía, ensaio, e sobre todo, narracións, entre as que se poden citar Dos días antes y otras antiguallas (Madrid, Dosbe,1982; reed. co título Dos días antes na Biblioteca 114 de <El Correo Gallego>, 1992), Doméstico de lujo (1987), La caverna de Platón, Diálogo con las sombras (Madrid, Bitácora, 1992) e Memorias de un gato tonto (Barcelona, Edebé, 1993, reed. en 1995), obra que foi traducida ao catalán por Lluís Llord en 1993 co título Memòries d’un gat beneit (Barcelona, Edebé).
Acadou os premios Doncel de narración infantil en 1967, o Café Gijón de novela curta en 1975 e o segundo premio de novela deportiva Don Balón. Como poeta foi finalista do Premio Vicente Aleixandre. Xa finalmente obtivo o premio EDEBÉ.

Entre as súas obras ensaísticas poden citarse: Madrid al paso. Un paseo cultural (Madrid, Palas Atenea, 1992; a primeira edición en 1976 co título Madrid al paso, Madrid, INDUBAN), El Correo Gallego: cien años de aportación a la historia, 1878 – 1978 (Madrid, Editorial Compostela, 1978), prologada por Eugenio Montes; Para leer a Camilo José Cela (Madrid, Palas Atenea,1991) e La crisis de las ideas en el fin de siglo. Espíritu y cultura al hilo de la obra de Eugenio D’Ors (Madrid, Actas, 1995).

Colaborador en galego do xornal <O Correo Galego>, entre os seus artigos poden citarse os da serie “Diario da corte”, no xornal citado, entre os que a modo de exemplo anotamos os seguintes: “Os amigos de Julio Camba” (05 – 07 – 1996) e “A ignorada morte de Filgueira Valverde” (19 – 09 – 1996). Debe citarse tamén o seu artigo “Os plaxios universais de Valle-Inclán” (13 – 11 – 1998, p. 3). Ademais, poden citarse “Cosas de Don Ramón: los plagios de Dostoiewski” (<El Ideal Gallego>, 11 – 02 – 1973) e “Carta doliente a Don Ramón María del Valle-Inclán, genio de las letras gallegas, gloria de las universales” (Ibid., 15 – 02 – 1973).

Colaborou no volume colectivo La hacienda en la II República (1981). Xa en 1999 publicou o volume La literatura contada con sencillez, na editorial Maeva de Madrid.

Outras obras do autor son Visto para sentencia (Madrid, Ilustre Colegio de Abogados de Madrid, 1997), Versos de la justicia. Figuras, lenguaje y símbolos jurídicos en la poesía española (Madrid, Ilustre Colegio de Abogados, 1997), El camino de Santiago (Dir., Madrid, ed. Complutense, 1995), Comunicación y humanismo (Madrid, Univ. San Pablo CEU, 1998), De las costumbres económicas de los españoles (Madrid, Banco Cantábrico, 1977) e El general Silva Bohórquez toma la palabra. Historia de una confabulación incriminatoria (Madrid, Torre Goyanes, 1997). Xa no ano 2000 publicou un volume sobre A. de Saint-Exupéry, titulado El último vuelo del Principito (Madrid, Torre de Goyanes).