Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BOULLÓN AGRELO, ANA ISABEL (A Pobra do Caramiñal, 01/04/1962)

Doutora en Filoloxía pola Universidade de Compostela coa tese Contribución ó estudio da antroponimia medieval galega (séculos VIII-XIII), lida en 1994. Para a licenciatura presentara a tese “Contribución ó estudio do léxico de Valentín Lamas Carvajal” (1986).

Dedicada fundamentalmente aos estudos lingüísticos, profesora da Universidade santiaguesa, fixo tamén unha edición comentada do Teatro de Máscaras de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1989 (Vigo, Galaxia), en colaboración con Fernando Tato Plaza.

No eido lingüístico participou na elaboración do Diccionario dos nomes galegos (Vigo, Ir Indo, 1992) e publicou o folleto As razóns dun nome: A Pobra do Caramiñal (Pobra do Caramiñal, 2ª ed., 1997), traballo que coñeceu outra versión na revista “Cadernos da Lingua”, no seu número 3 (1991), titulado “Ó redor do topónimo Pobra: estado da cuestión e novos datos”. Outros traballos de tema lingüístico da súa autoría son: “A lingua galega en Celso Emilio Ferreiro: substantivo e adxectivo” (Estudios dedicados a Celso Emilio Ferreiro, 1992), “A cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago: datos para a historia dunha reivindicación” (con F. Tato Plaza, Homenaxe ó profesor Constantino García, vol. 2, 1991) e “Uniformidade e variedade do léxico xurídico-administrativo medieval galego” (Actas do XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, A Coruña, Fundación Barrié, vol.6, 1994). Ademais colaborou no Diccionario Escolar Galego (Vigo, Galaxia, 1989) e no Diccionario Galego-Castelán (Vigo, Xerais, 2ª ed., 1992).

Fixo tamén algunhas traducións, entre as que se pode citar Un ordenador nada ordinario (Madrid, Alfaguara, 1990) de Michèle Kahn.