Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BRAVO CORES, DANIEL (Ribeira, 20/03/1955)

Catedrático de Historia no Ensino Medio, licenciouse coa tese titulada El Barbanza meridional en el Antiguo Régimen: un estudio de historia rural, presentada na Universidade de Compostela en 1978. No xornal <La Voz de Galicia> publicou interesantes artigos sobre temas históricos, algún dos cales facía referencia ao papel dos cataláns na industrialización da ría de Arousa, coma os titulados “La historia de la moderna industria conservera gallega empezó con los fomentadores catalanes de la salazón” (<La Voz de Galicia>, 08 – 11 – 1990) e “Los salazoneros introdujeron en las Rías Baixas criterios de rentabilidad y producción que impulsaron la industrialización” (<La Voz de Galicia>, 09 – 11 – 1990).
Como exemplo deste labor investigador divulgado na prensa pode citarse o artigo “La capilla de Valderrama”, publicado recentemente en <La Voz de Galicia> (13-03-1999), que fai referencia á capela realizada por Mateo de Cubas para a parroquial de San Martiño de Noia en 1606. Este Mateo de Cubas, sinala o autor do artigo trasladouse en 1609 á Pobra do Deán para a realización do Pazo do Capitán Xeral Diego de las Mariñas. Pouco despois apareceu no mesmo xornal o artigo “Grandes obras de maestros menores” (27 – 03 – 1999), no que dá conta das obras realizadas na Igrexa do Deán da Pobra e da San Xiao de Artes. Xa en 1989 publicara no mesmo xornal varios artigos sobre a historia da Pobra: “No Caramiñal rexía un nobre e na Pobra do Deán, un Concello” (17 – 05) e “Os abusos xeneraron verdadeiros tumultos na Pobra do século XVII” (18 – 05). Outros artigos versaron sobre a historia de Ribeira, coma o titulado “Santa Uxía tuvo tres demarcaciones” (22 – 11 – 1992).

Interveu tamén na polémica toponímica da Pobra co artigo “En torno a los topónimos de Puebla, la historia y el uso interesado de los datos”, publicado en <La Voz de Galicia> o oito de xuño de 1989.

Un traballo de sumo interese para a nosa bisbarra foi o publicado no número un da revista <Estudios Sociais da Barbanza> co título “La vida cotidiana en los pueblos del Barbanza en los siglos XVI, XVII y XVIII”, imprescindible para coñecer o existir dos nosos devanceiros. Importante é tamén o seu ensaio “Las relaciones comerciales entre Pontevedra y Andalucía a mediados del siglo XVI”, publicado nas Actas del II Coloquio de Historia de Andalucía. Andalucía Moderna (Córdoba, 1983).

Outros artigos de interese sobre a nosa bisbarra publicados polo autor son “La peor epidemia de la comarca”, serie de catro artigos publicados en maio de 1989 en <La Voz de Galicia>, “El nacimiento de las salazoneras”, outra serie de catro artigos publicados no mesmo xornal en marzo de 1990 e “A industria salazoneira”, dous artigos publicados no mesmo periódico en novembro de 1990.

En agosto de 1999 publicou unha serie de catro artigos dedicados á parroquia boirense de Santa Baia, nos que estuda o retablo barroco feito por Miguel de Romay para esa freguesía, por encargo do párroco Pedro Botana de Losada en 1722, que foi dourado polo pintor Juan Antonio García de Bouzas en 1732. Este retablo foi vendido en 1923, pero a parroquia aínda conserva as tallas e outros altares laterais tamén de Miguel de Romay, así coma outras importantes pezas barrocas encargadas por aquel párroco. Os artigos levan por título “Los secretos de Santa Baia” (<La Voz de Galicia>, “Barbanza”, 27 – 08 – 1999, p. 38), “La impronta de Miguel de Romay” (Íbd., 28 – 08 – 1999), “Una joya perdida en el tiempo” (Ibid., 29 – 08 – 1999) e “Un expolio difícil de explicar” (Ibid., 31 – 08 – 1999). Xa no ano 2000, no mes de xaneiro, comezou a publicación en <La Voz de Galicia> dunha serie de artigos sobre os alcaldes máis destacados da cidade de Ribeira. Estes traballos, ampliados e con notas, foron recolleitos no volume Riveira, alcaldes para un siglo (1860 – 1975), aparecido en edición de autor no ano 2000.

O seu labor divulgador da historia da bisbarra do Barbanza é moi amplo e aínda se poden citar outros traballos dispersos no xornal <La Voz de Galicia>: “Límite territorial de Pobra y Ribeira” (15 – 11 – 1992), “Noia era propiedad de un italiano” (21 – 08 – 1992), “Comellín se quedó con terrenos desde Noia hasta Boiro” (21 – 98 – 1992), “La isla de Sálvora fue uno de los puntos habituales donde corsarios y piratas preparaban sus celadas” (24 – 12 – 1989).
No ano 2001 apareceu a súa obra máis importantes co título La historia de Riveira. 1200 – 1975. Una singladura de 800 años (Cambados, autor), monumental síntese do transcorrer histórico da súa vila natal.