Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

BREA SEGADE, XOSÉ MARÍA (Iñobre, Taragoña, Rianxo, 02/08/1904 – 07/01/1934)

Naceu en Iñobre, Taragoña. Poeta e narrador, que segue a liña de Amado Carballo. En vida só publicou un poema en <El Ideal Gallego>, pero en 1984 foi compilada a súa obra no volume Poesía e prosa (Rianxo, Concello). O volume inclúe cincuenta e nove poemas, once borradores de poemas e dez prosas, entre elas varios contos, estando adicado a Rafael Dieste o titulado “O vello Fernandes”. Inclúese, ademais, no volume unha mostra da súa correspondencia. Chama a atención pola mocidade do autor o poema adicado a Rosalía. Poucos destes textos foron publicados en vida do autor e entres estes últimos pode citarse o poema “¡Rianxo, Rianxo!”, publicado en <El Ideal Gallego> (14 – 11 – 1920), dedicado ao tamén escritor rianxeiro José Otero. Só dous dos poemas están escritos en castelán.

Procura un galego culto e literario e hai que enmarcalo na vangarda galega. Fundou en Marrocos, durante o seu servizo militar, na compaña de Rafael Dieste, a revista <Charamuscas>, manuscrita, que foi editada recentemente.
Reprodúcese o poema “Ao castro barbudo de Taragoña”, escrito en 1921:

Altivo e corpudo castro,
nun tempo campo de loita,
en donde de Breogán
os netos molime cortan;
onde cantan as lavercas
i a perdiz tremando voa.
¡Canto me acordas, Barbudo!,
¡ouh castro, canto me acordas
lonxe daquela terriña
que ten o alcume de “groria”!

(Nador, outubro 1921)


Xesús Santos Suárez dedicoulle un soneto, contido no seu volume Balada do vento na Ría, que leva por título “A Brea”.
Deixou inéditas as obras Arumes de beiramar e Responsos líricos no día e na noite.