Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

CABEZA QUILES, FERNANDO (Ponferrada, 1953)

Profesor, residiu no Porto do Son, aínda que agora o fai en Carballo, o seu labor fundamental é o estudo da toponimia, eido no que publicou un importante volume titulado Os nomes de lugar (Vigo, Xerais, 1992). Como narrador publicou un volume de relatos para nenos, titulado O segredo dos zapatos e outros contos (A Coruña, Noroeste, 1996), formado polos relatos “O segredo dos zapatos”, “Historias de dúas patacas”, “O raposo que quería ser oleiro”, “O tren de Pepiño”, “O soñador de nubes”, “Habelas hainas”, “Choro Miño”, “O Ronte de Choclos”, “O menciñeiro de bicicletas”, “Xardín Xurásico”, “O milagre da noite de San Xoán”, “O mar que facía música”, “Carmiña e mais Iván” e “O zoo fantástico”. A obra está ilustrada por Ángel Cabeza Quiles, e foi editada por Noroeste en Santiago de Compostela.

Textos seus figuran tamén nos volumes colectivos Nós (Corcubión, Concello, 1997) e Rumbo ás illas (Ponteceso, A.C. Monte Branco, 1997). No ano 2000 publicou o volume Chamáchesme moreniña. Noticias fantásticas (Noia, Toxosoutos). Tamén este ano apareceu outro importante volume do autor: Os nomes da terra. Topónimos galegos (Noia, Toxosoutos).