Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

CADAVAL AYASO, FRANCISCO (Ribeira, 27/03/1960)

Coñecido como Kiko Cadaval, é actor, director teatral e dramaturgo. Adícase tamén ao labor de contacontos. Escenificou obras de Manuel María, Vidal Bolaño, Rosalía, Martínez Oca, Villar Ponte, etc. Publicou tamén algúns relatos como “ A tapa do crânio” (<O Mono da Tinta>, nº 4, 1991), “Da dureza e da tenrura” ,(<El Correo Gallego>, 02-07-1991), “Unha carapucha” (en VV.AA: Na boca do lobo, Lugo, Tris Tram, 1998) e “As vinganzas Mei-Lu” (en VV.AA: Liñas paralelas, A Coruña / Vigo, 1998.

Entre os espectáculos teatrais nos que participou como actor destacan O cazador de perdices de Martínez Oca, 1979, Follas Novas de Rosalía de Castro, 1995 e Agasallo de sombras de Vidal Bolaño, 1984. Para nenos montou en 1982 a peza de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.

Como autor teatral estrou as pezas Un códice clandestino, peza galardoada en 1990 como mellor texto orixinal no Premio Compostela, premio que volvería a gañar en 1992 con O rouxinol da Bretanha, co grupo teatral “O Moucho Clerc” en 1991.

En 1995 editou a peza O rei nú, en colaboración con Cándido Pazó, que é unha recreación do conto de Andersen. A súa primeira obra estreada foi Porque no mundo minguou a verdade (1989).
En 1998, en colaboración con Xavier Lama, fixo unha adaptación dos clásicos gregos, publicada co título Memoria de Antígona (Santiago, Xunta, IGAEM). En 1999 publicouse a súa adaptación de Si o vello Sinbad volvese ás illas (Santiago, Xunta, IGAEM) de Cunqueiro, estreada ese mesmo ano, en colaboración con Fabio Mangolini.