Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

CALLÓN TORRES, CARLOS MANUEL (Ribeira, 1978)

Estudante de Filoloxía Galega, é coordinador da Mesa pola Normalización Lingüística na Barbanza. Sendo estudante de Bacharelato gañou o IV Concurso de Teatro Breve “Lauro Olmo”, coa peza titulada Venturas e desventuras de Ambrósiez, que foi publicada en Ourense en 1996. Trátase dunha peza satírica con intención didáctica. No xornal <A Nosa Terra> publicou o longo artigo de opinión “A homosexualidade da man da cultura literária galega” (nº 903, 07 – 10 – 1999).
No volume colectivo Cuatro cuentos, vol. 3, (A Coruña, Repsol YPF, 1997) apareceu o seu conto“A morte a todos iguala”, que recibira o segundo premio en lingua galega en 1996 no concurso de Repsol. No Primeiro Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo, celebrado en 2001, presentou a relación “A función de Curros no proceso de canonización de Rosalía de Castro”.