Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

CALO LOURIDO, FRANCISCO (Porto do Son, 04/11/1948)

Doutor en Historia, catedrático de Xeografía e Historia no Ensino Medio, adicado fundamentalmente aos estudos arqueolóxicos, foi director das excavacións do Castro de Baroña. Autor de traballos como As artes de pesca (Santiago, Museo do Pobo Galego, 1980) e A cultura castrexa (Vigo, A Nosa Terra, 1993). Outro volume editado por A Nosa Terra en 1996 é o titulado Xentes do mar. Traballos, tradición e costumes. En castelán é autor da obra La cultura de un pueblo marinero: Porto do Son, publicado pola Universidade de Santiago en 1978.

Con Teresa Soeiro publicou Castro de Baroña: campañas 1980 – 1984, editado en Santiago en 1986, (editado pola Dirección Xeral de Cultura e Patrimonio Histórico-Artístico). En 1997 o Concello de Porto do Son editou o traballo Castro de Baroña, agora só da súa autoría. Aínda se poden citar outros traballos do autor como “La Galice estelle celtique?” (<ArMen. La Bretagne, Un Monde a decouvrir>, nº 78, 1996). Pero quizais a súa obra máis importante sexa A plástica da cultura Castrexa galego-portuguesa, publicada en dous volumes pola fundación Barrié de la Maza en 1994, con presentación de Filgueira Valverde.

Precisamente foi Calo Lourido o coordinador do Simposio Internacional de Antropoloxía celebrado en Pontevedra en 1997 en homenaxe a Filgueira, do que se editaron as actas en 1998. Con Sierra Rodríguez publicou As orixes do castrexo no Bronce Final (Santiago, 1983), ademais de colaborar en revistas como <Gallaecia> e <Boletín Auriense>. Entre os seus artigos poden citarse “The Seafaring Fishing Family as an Economic Community in Porto do Son, Galicia, Spain” (en BELA GUNDA, editor: The Fishing Culture of the World, Budapest, 1984) e “Nacemento das comunidades mariñeiras” (<Revista de Guimarães>, nº 103, 1993).

Coordenou o volume Antropoloxía mariñeira. Actas do Simposio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde (Santiago, Consello da Cultura Galega, 1998), no que publicou o traballo “Individualismo fronte ós nosos, afirmación local contra os alleos e defensa do territorio”.