Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DÍAZ DE RÁBAGO Y DÍAZ DE MIER, JOAQUÍN (Muros, 06/05/1837 – A Pobra do Caramiñal, 29/07/1898)

Aínda que nado en Muros, estivo ligado á Pobra por vínculos familiares e nesta vila tiña o seu pazo familiar, A Casa Grande de Aguiar, no que falecerá. Estaba casado con María de la Concepción Aguiar. Ocupou durante un tempo o cargo de xuíz municipal da Pobra, pois érao cando menos en 1877.

Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, xa en 1860 se encargou do ensino do Hebreo na Universidade, pero será no campo da economía onde máis destacará. Presidente da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, foi director nesa cidade do Banco de España.

Noutra orde de cousas, tivo un papel relevante no traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro dende Padrón a Santo Domingo de Bonaval en Santiago.

Publicou moitos folletos e libros, e as súas Obras Completas, en oito tomos, apareceron entre 1899 e 1901, sendo reeditadas en 1998. Destaca nelas o traballo titulado “El crédito agrícola”, que ocupa os volumes I a IV das citadas obras, que levan á fronte unha biografía do autor realizada polo académico Juan Barcia Caballero e un estudo crítico realizado por Alfredo Brañas, o líder do Rexionalismo conservador.

O volume V que apareceu en 1900 contén os ensaios “La industria de la pesca en Galicia”, “La institución de salvamento de náufragos”, “El primero de mayo”, “Concepción Arenal” e outros artigos. O tomo VI contén os seus discursos, que versan sobre temas como “La teoría de Malthus”, “Patria potestad de la mujer”, “La jornada internacional de las ocho horas” e outros. O tomo VII, tamén de 1900, contén tamén discursos entre os que destacan “Sobre foros” e “La enseñanza técnica industrial y forma y manera en que se aprestan a dispensarla las Escuelas de Artes y Oficios”. O derradeiro tomo das súas obras completas, que aparece en 1901 prologado polo rexionalista Salvador Cabeza de León, contén traballos sobre cooperativas, vapores transatlánticos, crédito agrícola e unha circular para a subscrición para levantar un mausoleo a Rosalía de Castro. Estas Obras completas foron reeditadas en Santiago por Edicións do Cerne en 1998.

En vida do autor publicou varios libros e folletos, entre eles Pósitos y bancos agrícolas (1880), El crédito agrícola (Santiago, Impr. de La Gaceta, F. de la Torre y Cia.,1883), La industria de la pesca en Galicia: estudio sociológico (Santiago, Tip. de La Gaceta, Felipe de la Torre y Cia.,1885, reed. en 1989, A Coruña, Fund. Barrié de la Maza), obra que foi redixida na Pobra do Caramiñal e onde a asina o 28 de novembro de 1884; La institución de salvamento de náufragos (Santiago, Sociedad Económica de Amigos del País, 1885, con Benito Núñez Forcelledo e Juan Barcia Caballero), La hipoteca independiente (Santiago, Impr. de José M. Paredes, 1888), La jornada internacional de ocho horas (Santiago, Impr. de José M. Paredes, 1890), El destajo (Santiago, 1891), El problema social de la habitación. Trozos de un discurso (Santiago, Impr. de José M. Paredes, 1897), Las Cajas Rurales de préstamos: sistema Raifféisen (Madrid, Fernando Fe, / Santiago, Libr. de Josefa Escribano, 1894), Bases essentielles d’une loi sur les sociétés coopératives: rapport presenté á la seance du 5 mai (Madrid, Fernando Fe, 1892), Crédito agrícola: las Cajas Rurales de préstamos sistema Raifféisen (Santiago, 1894) e Informe sobre si es conveniente para la Excma. Diputación Provincial de La Coruña, se establezcan pósitos o bancos agrícolas en las Capitales de Partido (Santiago, Sociedad Económica de Amigos del País, 1880, con Elías Rivas Martínez e Modesto Fernández Pereiro). Ademais prologou o libro de Eduardo Vicenti Y Reguera La propiedad foral en Galicia: polémica relativa al proyecto de ley de redención de censos del ex-ministro de Fomento Sr. Montero Ríos (Coruña, 2ª ed., 1888).

Díaz de Rábago foi un dos asinantes da acta de traslado dos restos mortais de Rosalía dende Adina ata Santo Domingos de Bonaval en Santiago, que é do 26 de maio de 1891. Tivo grande protagonismo nese traslado e foi un dos que escolleu o lugar onde había repousar o cadáver de Rosalía.