Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DÍAZ FERNÁNDEZ, XERARDO (Porto do Son, 18/12/1907 - Montevideo, 03/02/1992)

Mestre e procurador dos tribunais, estivo preso trala Guerra Civil, e froito desa experiencia son os volumes Os que non morreron (Sada, O Castro, 1982), libro que será unha das fontes de O lapis do carpinteiro (1998) de Manuel Rivas, que leva un prólogo de Carlos Sixirei e un epílogo de Isaac Díaz Pardo, e de A crueldade inútil (Sada, O Castro, 1985). En 1988 publicou Nebra, historia dunha infamia (Sada, O Castro) no que relata a represión exercida en 1916 sobre os campesiños desa parroquia. Como narrador publicou en 1985 en Montevideo o volume Contos (Patronato da Cultura Galega).
Menos coñecido é o seu labor como poeta, e por ese motivo seleccionamos o seu “Soneto a Castelao”, recollido por Xesús Alonso Montero na obra Coroa poética para Castelao (Sada, O Castro, 1988). O poema foi publicado previamente na revista <Guieiro> de Montevideo, no seu número sete, en xaneiro de 1986.


“Soneto a Castelao”

Rianxeiros ventos trouxeron un neno
que o destino puxo por noso guieiro,
pois foi o meirande, un pioneiro
que para o noso ben non foi, non, pequeno.

Pisou forte e mordeu sen aceno
con ardenza varil e ar agasalleiro,
defendendo a fala sempre primeiro
con rexo lapiz, pois, non foi pequeno.

Tarefa dura con decote dor,
brega profunda e incomprendida
polos desleigados cheos de rencor.

Ignorantes de xenio aborrecido
bergantes noxentos despidos de brancor,
ficaron bulrados por ti, bardo sofrido.


En 1991 publicou o volume en lingua castelá Desde la diáspora (Sada, O Castro), redactado en 1989 e que é unha compilación dos seus recordos dende que chegou a Uruguai en 1951, con referencias á Guerra Civil, pois foi a consecuencia desta polo que tivo que emigrar, ao impedírselle exercer a súa profesión en España.