Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DIESTE, EDUARDO (Rocha, Uruguai, 14/11/1881 – Santiago de Chile, 02/09/1954)

Aínda que nado en Uruguai, era de orixe rianxeira e irmán de Rafael Dieste. Licenciado en Filosofía e Letras, diplomático, foi cónsul de Uruguai en Madrid na Segunda República, participando na tertulia de Valle-Inclán, e tendo amizade con Alberti, Neruda, Maside, etc. En Rianxo foi cofundador con Castelao do xornal <El Barbero Municipal>, no que publicou traballos como “La emigración” (nº 21, 03 – 12 – 1910). Bo escritor que se comeza a recuperar agora, cultivou o teatro en pezas como El viejo (Montevideo, Impr. El Siglo Ilustrado, 1920), Castidad, que na súa primeira edición levou o título de Los místicos (Montevideo, Luis y Manuel Pérez, 1915) e La ilusión, reunidas logo no volume Teatro de Buscón (Buenos Aires, Nova, 1947).

Como narrador publicou o seu primeiro libro en Madrid en 1911 co título Leyendas de la música (Madrid, Biblioteca de Autores Gallegos), obra que foi premiada por un xurado formado por Basilio Álvarez, Prudencio Canitrot e Luis Antón del Olmet, para publicar a súa obra máis importante en 1933 co título Buscón poeta y su teatro. Recorrido espiritual y novelesco del mundo (Madrid, Juan Pueyo) con cuberta de Arturo Souto, obra que coñeceu unha segunda edición en Bos Aires, editorial Emecé, en 1942. Publicara unha edición previa desta obra en Montevideo na década dos dez co título Buscón poeta. Teorías disparatadas y cuentos de burlas (Montevideo, D.M. Bertani, s.d., pero 1913). Este volume reúne as súas narracións e o seu teatro, seleccionando as que o autor considera máis importantes.

Foi ademais notable ensaísta, autor de Teseo. Introducción a la lógica del arte. Clasicismo. Impresionismo. Cubismo. Futurismo (Madrid, J. Pueyo, 1934), obra que coñecera xa unha edición en Montevideo en 1925 (Teseo. Discusión estética y ejemplos), precisamente na editorial Teseo; a obra leva un epílogo de Rafael Dieste na 2ª edición. Foi tamén traductor de Shakespeare (21 sonetos de Shakespeare, Montevideo, Independencia, 1944) ao castelán. En 1987 apareceu un volume titulado Obra selecta (Barcelona, Anthropos), cunha introdución do filósofo e narrador Carlos Gurméndez, tamén moi ligado a Galicia, obra que contén teatro, narrativa e ensaios. Esther de Cáceres editara en Montevideo, cun prólogo e unha bibliografía, as teorías artísticas de Dieste, reunidas no volume Teseo. Los problemas del arte, que apareceu na colección de Clásicos Uruguayos en 1964, da que xa houbera edición en Bos Aires pola editorial Losada en 1940. Ademais cómpre citar os volumes Teseo. Los problemas literarios (Montevideo, Ed. aumentada, Reuniones de Estudios, 1938) e Teseo II. Crítica literaria (Montevideo, J.F. Montedónico, 1930). Merece citarse tamén o seu ensaio “El tiempo ético. Ensayo sobre la novela” publicado na revista <Nosotros> (marzo-abril, 1940).

En galego publicou un soneto na revista <Gaceta de Galicia>, nº 191, o oito de agosto de 1911 segundo anota Alonso Montero a través de Xesús Santos Suárez. Traduciu tamén o Epodo V de Horacio ao galego, do que reproducimos un anaco tomado do traballo de Alonso citado na bibliografía:


Uíu o neno aqueste crúo dito
e incente que falar, xaurad’o esprito,
pensou qu’e os rogos mols alí folgaban,
e cos folgos que aínda lle axudaban
esora as maldiciós de Tiestes berra.



No especial de A Nosa Terra, Manuel Antonio. Embarcados nun cantar (1996) apareceu reproducido o traballo de Eduardo Dieste “Navegación de altura”, traducido ao galego, que aparecera en Buscón Poeta y su teatro (1933).

Co pseudónimo “Doctor Sintax” publicou unha reseña do poemario do seu irmán Rafael na revista <P.A.N.>: “Rojo farol amante, de Rafael Dieste” (nº 3, 1935).
O seu poema galego foi reproducido por Xesús Santos Suárez no volume Un ronsel de estrelas:


Ten un paso longueiro si camiña
como de vencedor, na erguida chola
un arrichado esprito se adiviña
que ten para si mesmo unha fe tola

Baixo o pelo supónse a cabeciña,
que pode ser melena ou ser cachola.
Baixo da frente que o cabelo aliña
teñen os ollos infelís raiola.

O amor que sente polo noso pote
sóbralle para ser un Don Quixote;
e anque o enxoito carís de Nazareno

non lle frolece nunca ca alegría,
nunha traxicomedia viviría
os papés de Calixto e de Parmeno.

 

En <El Barbero Municipal> de Rianxo colaborou co acróstico “Edesteid”.