Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DIESTE, RAFAEL (Rianxo, 29/01/1899 - Santiago, 15/10/1981)

Ademais dunha importante obra teatral, poética, narrativa e ensaística en castelán, a súa obra galega foi fundamental na renovación dos anos vinte na narrativa e no teatro, xéneros nos que publicou Dos arquivos do trasno. Contos do monte e do mar (A Coruña, Tall. Graf. El Pueblo Gallego, 1926; 3ª ed., Vigo, Galaxia, 1973) e A fiestra valdeira (Santiago, Tip. do Eco de Santiago, 1927; 2ª ed., Bos Aires, Citania, 1958), escrita en Ribeira en 1926, respectivamente. Os seus artigos foron recolleitos no volume Antre a terra e o ceo (Sada, O Castro, 1981), e as súas conferencias no volume Encontros e vieiros (Sada, O Castro, 1990). Ingresou na R.A.G. en 1970, trala súa volta do exilio por mor da Guerra Civil, co discurso A vontade de estilo na fala popular, editado en 1981 (Sada, O Castro).

Foi importante escritor en español, ligado á Xeración do 27, colaborador da revista <Hora de España> durante a Guerra Civil, cultivou todos os xéneros literarios nesa lingua: A narrativa (Historias e invenciones de Félix Muriel, Buenos Aires, Nova, 1943; Madrid, Alianza, 1974), a poesía (Rojo farol amante, Madrid, Teseo, 1933 e Buenos Aires, Emecé, 1940, e Madrid, Hiperión, 1983), o teatro (Viaje y fin de don Frontán, Santiago, Niké, 1930; Quebranto de doña luparia y otras farsas, Madrid, Yagüe, 1934; Viaje, duelo y perdición, Buenos Aires, Atlántida, 1945 e Madrid, Hiperión, 1979), ensaio (La vieja piel del mundo, Madrid, Signo, 1936; Luchas con el desconfiado, Buenos Aires, Sudamericana, 1948; Nuevo tratado del paralelismo, Buenos Aires, Atlántida, 1955; Pequeña clave ortográfica, Buenos Aires, Atlántida, 1956 e Madrid, Escuela Española, 1982; Diálogo de Manuel y David, Vigo, Teseo (Galaxia), 1965; ¿Qué es un axioma?, Vigo, Teseo, 1967, Testamento geométrico, Sada, El Castro, 1975). Outras obras en castelán do autor son La isla e Tablas de un naufragio, que foron editadas nun mesmo volume (Barcelona, Anthropos, 1985). Ademais, Manuel Aznar Soler editou en dous volumes o seu Teatro (Barcelona, Laia). No volume El alma y el espejo reuníronse varios libros anteriores e en 1982 apareceu a tradución ao galego de Viaxe e fin de don Frontán (Sada, O Castro), tradución realizada por Xesús Rábade Paredes e Helena Villar, mentres que en 1983 apareceu o volume Testimonios y homenajes (Barcelona, Laia), en edición de Manuel Aznar Soler, que recolle unha selección de artigos e do epistolario. Manuel Aznar Soler foi tamén o introductor e editor dos volumes de Dieste Teatro I (Barcelona, Laia, 1981) e Teatro II (Ibidem).

As súas primeiras colaboracións como escritor foron relatos publicados en castelán na revista <Cuentos Nuevos> en 1922, e ao ano seguinte comeza a colaborar no xornal <Faro de Vigo>, para pasar en 1924 ao vigués <Galicia>, e en 1925 a <El Pueblo Gallego>.

Candidato a Cortes pola Federación Republicana Galega en 1931, ao ano seguinte ingresa nas Misión Pedagóxicas, no seo das cales crea o Teatro Guiñol. En 1935 viaxa por Francia, Bélxica, Holanda e Italia e colabora na revista madrileña feita por galegos <P.A.N>. Sempre ao lado da República, participa na Alianza de Escritores Antifascistas de 1936, dirixe o Teatro Español e colabora en <El Buque Rojo>. En 1937 dirixe <Nova Galicia> e en 1938 colabora en <El Combatiente del Este>.

En 1939 sae de España para o exilio trala caída de Barcelona en mans dos franquistas. Vivirá longos anos na Arxentina, onde fará un grande labor divulgativo da cultura galega, aínda que tamén residiu en Gran Bretaña en 1950, como lector de español na Universidade de Cambridge e en México onde foi profesor do Instituto Tecnolóxico de Monterrei. Regresa do exilio en 1961, ingresa na Real Academia Galega en 1971 e morre en Santiago o 15 de outubro de 1981.

Por ser a súa faceta menos coñecida a de poeta en lingua galega, amosamos o seu texto “Muiñeira”:


Co seu señorío
dende o seu alén,
están os carballos
a decir: moi ben.
¡Xurdía muiñeira!
Antes de beilar
ninguén, xa ti estabas
tecida no ar.

Sin ti non hai pernas
que teñan idea
do que é pernear.
Sin ti non hai corpo
que encaixe no corpo,
como encaixa o vento
nas ondas do mar.
Sin ti non hai brazos
que poidan arder
nos anos millenta
do seu renascer.
Eu, no teu loubor,
tantán, tarantán,
de coiro curado
quero ser tambor.

Carballos e pinos: ¡abride
o voso espesor!
Deixade unha roda,
fungade arredor.
Ides ver as contas
que bota sin débitos
cunha labradora
o seu labrador.
Ides ver no ar
a conta ben feita
da ponla e a frol.
Camiños do ceo,
camiños do chan,
o pe vai de acordo
co pulo da man.
No medio a cintura
segura e levián
a cada virada ben sabe onde vai.
Aprende canteiro
esta fina lei:
os ollos plomada,
pico un carabel.
¡Ei, muller e home!

O santo de pedra
virouse penedo
virouse paxaro
virouse cantar,
todo foi virarse
por se revirar.
O demo pasmouse,
lembrou non sei qué
e non sei qué tanto.
Quería misar.

¡Ei, muller e home!
¿De qué terra sodes?
Si vindes de afora
quedade con nós.
Vós tendes un nome
vello e beilador,
ben se ve na frol.
Eiquí temos terra
de moita fondura
gando de bó pelo,
rego sin disputa,
mazáns e manteiga
e lume no ar.
Quedade con nós.
O voso beilar
val por escritura
¡Ei muller e home!

Números do ceo,
camiños do chan,
o pe vai de acordo
coa roita da man.
¡Xurdia muiñeira!
Antes de beilar
ninguén, xa ti estabas
escrita no ar.

A súa Obra Galega Completa apareceu en 1995 (Vigo, Galaxia), a cargo de Xosé Luís Axeitos, mentres que a súa Obras Completas, a cargo de Darío Villanueva e Arturo Casas, tamén foron publicadas no mesmo ano (Sada, O Castro). Claudio Rodríguez Fer compilou a súa obra escrita durante a Guerra Civil no volume Guerra Literaria (Sada, O Castro, 1991) e María Antonia Pérez recolleu os seus Textos e crítica de arte (Vigo, A Nosa Terra, 1995).

Dieste estivo exercendo o ensino privado en Ribeira entre setembro de 1926 e xaneiro do ano seguinte, na mesma academia na que tamén impartía aulas Otero Espasandín. Xa coas Misións Pedagóxicas estará nos municipios de Rianxo, Boiro, Noia e Outes. Abandonou Rianxo o 16 de decembro de 1935 e non voltará á súa vila natal ata agosto de 1961.

No exilio fixo tamén varias adaptacións literarias, que foron ilustradas por Castelao, entre as que se poden citar El tonelero de Nuremberg, de Hoffmann (Buenos Aires, Atlántida, 1947) e Cuentos de Óscar Wilde (Buenos Aires, Atlántida, reed., 1958).

Entre os seus prólogos poden citarse os postos ás obras: Dende lonxe, de Neira Vilas (Buenos Aires, Follas Novas, 1960) e 25 dibuxos dos anos 1935 – 36, de Manuel Colmeiro (Vigo, Galaxia, 1964). Cómpre citar ademais a súa reseña “Galiza mártir (novo álbum de Castelao)”, que apareceu na revista de Barcelona <Nova Galiza> (nº 2, 20 – 04 – 1937). O poema “¡Ai, romaxe aquela!” está dedicado a Castelao e foi escrito en 1970 para o volume Castelao na voz dos poetas (Sada, O Castro, 1970) e reproducido logo na Antoloxía da poesía galega actual (1978).

Cómpre citar tamén a necrolóxica de Valle-Inclán publicada na revista <Hora de España> en 1937 (nº 5) e o artigo "Hispanidad de Valle-Inclán", aparecido na revista habaneira <Grafos> (V, nº 52, 1937), que logo se publicou en galego co título "Valle-Inclán tiña mil anos" (<Grial>, nº 78, 1982).

A súa preocupación como home de teatro non foi só o labor de dramaturgo, senón tamén de teórico e crítico, xa dende a súa mocidade, como o demostran os artigos “En col do noso teatro I” (<El Pueblo Gallego>, Vigo, 22 – 12 – 1925) e “O teatro galego i-o teatro portugués” (Ibid., 16 – 01 – 1926).

Algún dos seus artigos (“Un viejo ajedrecista”, <Faro de Vigo>, 25 – 07 – 1924) foi recolleito no volume Faro de Vigo. Antología de artículos (Vigo, 1988).

Os seus contos son xa frecuentes nas antoloxías e así, por citar un exemplo, aparece na titulada Rumores de mar, editada no ano 2001 por Páginas de Espuma, cun prólogo de José María Merino.