Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DOMÍNGUEZ REI, ANTONIO (Rianxo, 05/04/1945)

Aínda que algunhas fontes como GEG o fan natural de Pontevedra, é natural da vila de Rianxo.
Doutor en Lingüística Hispánica. Viviu durante anos en Francia, para á súa volta exercer
como profesor titular da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Ademais dunha obra importante en castelán, publicou os poemarios galegos Lúa loura (París, A Lareira, 1984), Fendas (A Coruña, Espiral Maior, 1991) e Eidos da mirada (A Coruña, Espiral Maior, 1994).
Entre os seus ensaios cómpre destacar o titulado “Última poesía gallega”, publicado na revista <Zurgai> en 1993.
Como poeta en castelán é autor de Garlopa marina (Madrid, Rialp, 1974), Gremor (Madrid, Dante, 1974), La voz y su vacío (Talavera de la Reina, autor,1980), Lúrido Ocelo (1983), Gluma (Madrid, Playor, 1987) e Como rostro que surge (Madrid, Juan Pastor, 1999).
Publicou ademais o ensaio El signo poético (Madrid, Playor, 1987) ademais de dedicar a Valle-Inclán o traballo “Selva panida, visión estética del Modernismo” (<Cuadernos Hispanoamericanos>, nº 438, 1986).
Parte da súa obra foi traducida ao francés, ao inglés, ao romeno e ao macedonio. Colaborou en revistas e xornais como <El País>, <Ínsula>, <Nuevo Índice>, <Syntaxis>, <Informaciones> e <Nueva Estafeta Literaria>.
Entre os seus ensaios en castelán importantes cómpre citar Antonio Machado (Madrid, Edaf, 1979), Novema versus Povema. Pautas líricas del sesenta (Madrid, Torre Manrique, 1987), Gramática pictórica (1987), Antología de la poesía medieval española (Madrid, Narcea, 1981), Masaje del mensaje. Lingüística semiótica (Madrid, Torre Manrique, 1988) e La llamada exótica. El pensamiento de Emmanuel Lévinas (Eros, gnosis, poíesis) (Madrid, Trotta, 1997). É tamén un especialista no obra poética de Ángel García López (1935), do que prologou 12 poemas comentados (Béjar, If & El Sornabique, 1999) e Antología poética: 1963 – 1979 (Barcelona, Plaza & Janés, 1980).
Como mostra da súa poesía ofrecemos o texto XIX da terceira parte de Eidos da mirada:

E quizais morrer sexa
manter a vida xebre
sen esgallala nunca
do seu centro: o presente.