Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

DOURADO DEIRA, MANUEL (Rianxo, 30/08/1929)

Mestre, é colaborador en lingua galega de xornais e revistas, nas que presta grande atención aos temas do Barbanza, sobre todo en <El Correo Gallego>. Na revista <Encrucillada> publicou algúns traballos sobre autores rianxeiros.
Terciou, ademais, na polémica tida arredor da toponimia da Pobra do Caramiñal na súa serie “Ardentía” de <El Correo Gallego> con artigos como “A Pobra: de Tirano Banderas a Zapata” (25 – 01 – 1994), “Outro episodio da guerra de Durán” (24 – 03 – 1993), “Pueblas gallegas ou o ritornelo de Juanita Banana” (08 – 09 – 1992), “Consideracións documentais sobre as Pobras de Galicia” (11 – 06 – 1989), “Quereres, saberes e poderes dun pobo”
(11 – 05 – 1989), “A Miserela e a liberdade de expresión” (08 – 09 – 1989), entre outros moitos.

Entre os milleiros de artigos de Dourado, cómpre sinalar os que fan referencia a escritores da nosa bisbarra como “Roxerius: coma un silandeiro e fecundo rumor...” (<O Correo Galego>, 20 – 12 – 97), “Homenaxe a Rey Romero: galego, crego e poeta” (<O Correo Galego>, 21 – 12 – 1996), “As nosas letras en Rianxo” (<O Correo Galego>, 18 – 05 – 1996), artigo no que comenta a obra de Elixio Villaverde sobre a represión franquista na Barbanza e o monográfico dedicado por A Nosa Terra a Manuel Antonio; “Castelao literato” (<O Correo Galego>, 27 – 01 –1996) e “Antón Avilés: sementeira de compromisos” (<O Correo Galego>, 23 – 02 – 1996). O poeta de Noia será obxecto doutros dous artigos de Dourado: “Antón Avilés: unha elexía de lembranzas, amores e honores” (<El Correo Gallego>, 29 – 03 – 1992) e “Antón Avilés de Taramancos: poeta, patriota e crente cósmico” (<Encrucillada>, nº 77, 1992). Sobre a tradución de Valle ao galego publicou o artigo “O gran Ramón ¿chibo de barbas harmónicas?”, (<O Correo Galego>, 14 – 04 – 1998, p. 2).

Un dos seus ensaios máis interesantes para coñecer a vida de Dieste é o titulado “O máis humano e menos coñecido de Rafael Dieste. Anotacións para unha intrabiografía” (<Encrucillada>, nº 92, 1995, pp. 105 – 119). Aínda hai que citar “Dieste fai de Rianxo a rival de Atenas” (<O Correo Galego>, 11 – 03 – 1995), “Dieste: un saber teolóxico sorprendente” (ídid., 06 – 05 –1995), “Dieste pendurado da eternidade” (ibid., 17 – 05 – 1995) e “Paisaxe e patriotismo en Rafael Dieste” (<El Correo Gallego>, 21 – 10 – 1990).

En 1999 publicou o volume Conversas con Teresa Castelao (Santiago, Sotelo Blanco), de grande interese para recompoñer o Rianxo da época de Castelao, a través dos recordos da súa irmá Teresa. O libro tivo un adianto na revista <Grial> (nº 144, 1999) co título “A infancia de Castelao. Recordos da súa irmá”.