Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ESPINAR, ALONSO DEL (A Pobra do Caramiñal, Século XV – América, 1514)

En 1499 era superior do convento de San Antonio do Xobre e en 1502 acompañou ao comendador frei Nicolás de Ovando cando este pasou ás Indias como gobernador das illas descubertas por Colón, e foi, probablemente, o primeiro misioneiro galego en terras americanas. A raíz da polémica das encomendas, combatidas polos dominicos e defendidas polos franciscanos, orde esta última á que pertencía Espinar, veu este a España en 1511 para informar ao Consello Real, o que provocou a indignación do famoso dominico Bartolomé de Las Casas, como ben amosa na súa obra Historia de las Indias. En 1512 asistiu Espinar á asemblea convocada polo Rei Católico e nela encomendóuselle, xunto con Pero García de Carrión e co bacharel Enciso, que tamén estiveran nas Indias, que redactasen as ordenanzas para cristianizar os indios, ordenanzas que redactou fundamentalmente Espinar e que son a base da Lexislación de Indias. Nese mesmo ano voltou a América con corenta relixiosos da súa orde. O Padre Atanasio López, citado por Couceiro di que “o seu nome irá sempre unido á historia das famosas leis de Indias con mellor dereito que o de Fr. Bartolomé de Las Casas”. Foi o primeiro Provincial dos franciscanos nas Antillas. Voltou a América en marzo de 1513, moi favorecido por Fernando o Católico e moi apreciado polo cardeal Cisneros.