Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ BARBAZÁN, BASILIO (Noia, 1904 - 1989)

Nado no lugar de Igrexa, na parroquia de Santa Cristina de Barro, foi perito agrícola, profesión que exerceu toda a súa vida na bisbarra de Noia, onde era coñecido como Basilio “O Perito”.

Candidato republicano nas eleccións de 1931 ao Concello de Noia, nese ano publica o traballo “Galicia e liberdade”, crítica ao caciquismo e defensa do galeguismo e do republicanismo. Preséntase de novo ás eleccións do 31 de maio de 1931 cando era secretario do Centro Republicano Demócrata, pasando logo a militar no Partido Galeguista. En 1932 e 1933 foi Xuíz de Paz, ademais de impartir clase de Matemáticas no Instituto noiés. Estivo vinculado ao Seminario de Estudos Galegos.

Entre os seus escritos en galego, Agrelo Hermo cita Denantes (A Coruña, Gráfico Galaico, 1961), Homes de Noia (1961), Aportación a la Guía de Noya (A Coruña, Gráfico Galaico, 1961), Homes de Noia II (1961), Denantes II (A Coruña, 1979), Homes de Noia III (1968), Sarabullo (1980), “Carapolas” (<El Correo Gallego>, 1969), ademais dos seus escritos en <Tapal> e <Barbanza>.

En castelán publicou “Los peritos y el intrusismo” (<Revista Vinícola y Agrícola de Zaragoza>, 1935).