Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ LEICEAGA, XOAQUÍN (Noia, 06/01/1961)

Doutor en Ciencias Económicas, leu a súa tese doutoral en 1990, e dende 1992 é profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Compostela, ademais de ser agora un dos seus Vicerreitores. Publicou un importante volume titulado Economía (política) do monte galego (1990), libro fundamental para entender a problemática galega no terreo tratado polo autor.

En 1993 publicou a súa obra máis importante ata o momento, un denso volume titulado Capital estranxeiro e industrialización en Galicia (Vigo, Xerais de Galicia).

En castelán é autor do volume Las transformaciones del sistema transnacional en el período de crisis orgánica (Lan-Kadernoak, Hegoa, 1991).

Ademais colabora en revistas como <Grial>, <Agália> (“Os enclaves na indústria galega”, nº 11, 1987), <A Nosa Terra> e outras, ademais de ser coautor do volume Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista. Na revista <Grial> apareceu o importante ensaio “Galicia na encrucillada autonómica: unha proposta de modelo de financiamento” (nº 132, 1996).
Xa no ano 2000 publicou un moi importante estudo sobre a economía galega, en colaboración con Edelmiro López Iglesias, titulado Estrutura económica de Galiza (Santiago, Laiovento). Este mesmo ano foi editor do volume Avellentamento demográfico e consecuencias socioeconómicas (Vigo, Xerais).