Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ MATO, RAMÓN (Cespón, Boiro, 13/05/1889 – Vilagarcía, 22/11/1980)

Grande xornalista na preguerra, que empregou a miúdo o pseudónimo “Cardenio”, foi director do xornal vigués <El Pueblo Gallego>, e xa na súa xuventude fundara con Castelao a revista <Galicia Moza>, colaborando logo en multitude de xornais e revistas españolas e hispanoamericanas como <La Nación> de Bos Aires. Nado en Cespón, de onde procedía a súa familia materna, tamén con raíces en Portosín, polo lado paterno a súa familia procedía de Outeiro de Rei. En 1910 presidiu en Santiago a asociación “Joven Galicia”, que esixía a creación da cátedra de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago e ademais que se crease teatro en galego, mais cedo abandonará esas posicións galeguistas. En 1912 aínda asinou con Basilio Álvarez, o líder agrario o “Manifiesto de Orense”.

Médico, exerceu de xornalista e estivo moi vinculado á vida política dende posicións liberais, ocupando cargos como o de gobernador civil de Cidade Real, Málaga, Xaén e Cáceres, así como o cargo de Director Xeral de Seguridade, e sendo deputado nas Cortes da Segunda República por Lugo en 1936. Trala Guerra Civil estivo exiliado en Cuba, Venezuela (1943) e Santo Domingo, onde dirixiu o xornal <La Opinión>. Xa residira na Arxentina, aínda que non por motivos políticos, entre 1914 e 1915. Dirixiu o xornal <La Nación> de Santo Domingo e foi un dos deputados asistentes ás Cortes da República no exilio.

Comezou a súa carreira literaria co libro de relatos El atrio profanado, editado en Madrid en 1913 cun prólogo do escritor hispanoamericano E. Gómez Carrillo. Tamén no eido narrativo publicou unha das primeiras novelas de tema futbolístico, La tragedia del delantero centro (Vigo, <La Novela Viguesa>, 1929). No campo da poesía é autor do volume Títeres del corazón (Vigo, 1931), pero foi sobre todo un destacada dramaturgo modernista con obras como Galleguita (estreada en Bos Aires en 1914, en colaboración con José Ramón Lence), La retirada (con Luis Sánchez Abal), El altar, Muros de oro, editada en 1917 en Barcelona, e que contén o poema “Canto a Galicia”, Heroica cobardía, drama estreado na Coruña en 1922, Estirpe, en colaboración con A. Gómez Jaime, Yo quiero ser Monja e, sobre todo, La Montaña estreada en Bos Aires e que foi reseñada eloxiosamente polo pobrense Victoriano García Martí.

Entre os seus ensaios cómpre citar Con los ojos del recuerdo. España (La Habana, Tip. de J. Iglesias Surribas, 1941), con prólogo de José M. Chacón y Calvo, que previamente fora unha serie de artigos de prensa, e Trujillo o la transfiguración dominicana (2 vol., México, 1945). En 1965 regresou a España e publicou o libro La pelea gozosa, compilación de artigos publicados na prensa. Cómpre dicir que foi, segundo Borobó, o único exiliado republicano galego que, xunta a Álvaro das Casas, se converteu ao franquismo no exilio. Nisto influíu o seu refuxio na República Dominicana do ditador Trujillo, do que foi panexirista.

Fundara antes da guerra a primeira biblioteca mariñeira do mundo, en Bouzas, polo que foi condecorado coa Gran Cruz do Mérito Naval.

Outras obras súas son Patriotismo. Conferencia dada en el “Círculo de las Artes” el día 6 de noviembre de 1916 (Lugo, Tip. El Norte de Galicia, 1916), Cartas. Mondoñedo (Madrid, 1924) e Galicia como emoción y realidad (Madrid, 1964). En galego só se lle coñece un poema que foi lido na sesión do Instituto Histórico do Minho o 29 de agosto de 1923 e publicado no xornal portugués <A Aurora do Lima>, o 12 de outubro dese mesmo ano, que foi reproducido polo profesor da Universidade de Lisboa António Rodrigues Baptista con ocasión do Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro. Velaí o texto:


BRINDIS

Eu ergo a miña copa do Porto ou de Madeira
pol-o grande Portugal cacheador do mar;
pol-a morna saudade que lembra ó suspirar
nas harpas consagradas do máxico Teixeira.

O Miño, azul e maino, de ribeira a ribeira,
vai cosendo có fio do novélo de luar,
como se Dios quixera brandamente axuntar
os rachados anacos d’unha vella bandeira.

Por Portugal, a terra dos ávidos pilotos,
por Portugal, o berce das longas descobertas,
espallo un longo feixo de loureiros miñotos.

Por Portugal, o niño de amor e fidalguía,
por Portugal que quixo nas suas mans abertas
arrolar o recordo da nosa Rosalía.

En <A Nosa Terra> apareceu outro traballo da súa autoría en lingua galega, unha pequena colección de aforismo titulada “Astelas” (31 – 12 – 1921).

Dedicou algúns traballos a figuras literarias do Barbanza coma o titulado “El señor del Caramiñal” (<Suevia>, Bos Aires, nº 1, 1916), dedicado a Valle-Inclán.

Na <Revista Casa América – Galicia>, nº 27 de 1923, publicou un “Madrigal” dedicado á cantante Raquel Meller, do que citamos a primeira estrofa:

Costurera, costurera,
divina costurerita
de pupilas de topacio,
tu bohardilla es un palacio
y el rubio sol lo visita
con su hijita
Primavera.

Colaborou en revistas como <Suevia> (Santiago, 1917), a coruñesa <Vida> (“El criadero de sueños”, nº 3, 1920), <La Zarpa>, <Ronsel>, <Vida Gallega>, <El Regionalista> de Chantada, <Mi Tierra> (Ourense, 1911), <Gaceta de Galicia>, <Cultura Gallega> da Habana, onde publicou relatos entre 1936 e 1940, <Caras y Caretas> (Bos Aires), <La Nación> (Ibidem), <La Esfera> (Madrid), <Nuevo Mundo> (Ibidem), <El Liberal> (Ibidem), <Prensa Libre> (La Habana), <Carteles> (Ibidem), e dirixiu <Raíz. España en América> (La Habana). Dous dos seus máis interesantes artigos foron dados a coñecer por J.A. Durán e teñen por tema a Castelao: “Desde ahora, Castelao” (<El Gran Bufón>, Madrid, nº 16, 1913, co pseudónimo “Cardenio”) e “Al pie de una estampa” (<El Liberal>, Madrid, 01 – 05 – 1913).