Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ PAZOS, XOSÉ MARÍA (Ribeira, 14/12/1956)

Mestre e Licenciado en Xeografía e Historia, colaborou en <La Voz de Galicia>, <El Correo Gallego>, <El Ideal Gallego> e <O Correo Galego>, medios nos que publicou máis dun cento de artigos sobre historia e xeografía de Ribeira. Exerce ademais como xornalista na Radio Galega, ademais de ser fotógrafo e escritor. En 1998 publicou un volume, fermosamente ilustrado con fotografías de época, titulado Sálvora: memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel.

A obra non é só a historia do naufraxio do vapor Santa Isabel senón que ademais inclúe unha breve historia da cidade de Ribeira. O volume aparece prologado polo profesor Barreiro Fernández e foi editado en Santa Uxía de Ribeira pola editorial Coordenadas, constando de oito partes, dedicándose a primeira á Xeografía, lendas e tradicións da illa de Sálvora, mentres a segunda fai un resumo da historia de Ribeira, a terceira describe o vapor naufragado e a cuarta narra a catástrofe ocorrida en 1921. Na parte quinta narra a heroicidade dos ribeirenses que axudaron aos náufragos de Santa Isabel, narración que continúa na parte sexta, mentres a sétima vai adicada ao capitán do vapor, Luís Cebreiro, e a derradeira, titulada “Lembranzas”, recolle testemuños de descendentes dos que contribuíron ao salvamento dos náufragos.

Xa en 1984 figuraba como Director de <O Imo. Revista Cultural da Barbanza>, que se editaba en Ribeira.
Entre as súas colaboracións periodísticas pode citarse o artigo “Ribeira cumpre hoxe oito séculos” (<La Voz de Galicia>, “Barbanza-Muros-Noia”, 12 – 09 – 2000).

Xa no ano 2000 apareceu o volume Santa Uxía de Ribeira (Ames, Monterrey Eds.), que leva un estudo deste autor á fronte.