Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ SENDÓN, ENRIQUE (Ribeira, 03/09/1909 – 1954)

Máis coñecido polo pseudónimo “Fersen”, foi un importante teórico do marxismo e o trosquismo antes da Guerra Civil, publicando numerosos ensaios, artigos e reseñas en revistas como <Leviatán> , <Nova Galicia> e <El Soviet>, colaborando tamén en <Nueva España>, <Comunismo> e outras.

En 1931 publicou o folleto Qué es el trosquismo, (Madrid, ed. Comunismo), en 1934 aparecerá o opúsculo ¿A dónde va el Partido Socialista? e xa en 1936 outro novo folleto, Antecedentes del triunfo del Frente Popular, (Castellón, s.d.).

Entre os seus ensaios publicados en revistas destacan “Republicanismo histórico” (<Nova Galicia>, nº 16, marzo de 1938), “La última crisis política de Méjico” (<Leviatán>, nº 24, maio de 1936), “La bancarrota del anarquismo español” (<Leviatán>, nº 16, 1935), “Desarrollo de la revolución española” (<Comunismo>, nº 7, 1931).

Despois de varios anos de militancia en Izquierda Comunista, de tendencia trosquista, incorporouse ao PSOE e foi duramente represaliado ao final da guerra.

Amigo de todos os membros da xeración galega de 1922 (Manuel Antonio, Otero Espasandín, Rafael Dieste, ...), é autor dun importante artigo dedicado ao poeta rianxeiro co título “Manuel Antonio, poeta y navegante” (<P.A.N.>, nº 6, 1935). Durante a posguerra e grazas á protección de Paz Andrade colaborou con varias ducias de artigos de tema pesqueiro, no que era especialista, e baixo o pseudónimo “A. Martín”, na revista viguesa <Industrias Pesqueras>, entre 1943 e 1954.

En 1998 apareceu o volume Enrique Fernández Sendón (L. Fersen) Memoria e Antoloxía dun republicano galego, (Sada, O Castro), con introdución e notas de X.L. Axeitos e Uxío Bobillo, que recolle os máis interesantes traballos de Fersen.
Do seu traballo “Manuel Antonio, poeta y navegante” amosamos un pequeno fragmento:

“Estaban tan distantes su vocación de poeta del mar de todo tipo de tópico o “pose” literaria, que apenas si aparecen en Manuel Antonio las olas y las tempestades como motivo poético. Por regla general, están dichos motivos aludidos muy de paso. Le venía de tan hondo su sentimiento, que no quiso hacer con la grandeza de la mar grandilocuencia. Él cantó como nadie las calmas y las inmensas soledades”.