Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, JOSÉ (A Pobra do Caramiñal, 22/03/1904 – Mérida, Venezuela, 1986)

Coñecido co sobrenome de “Sotomayor”, aínda que antes da guerra era coñecido como “Noé”, foi un destacado militante do PCE, na Segunda República e na Guerra Civil. Nacera na parroquia do Caramiñal, na rúa da Igrexa e foi anotado no Rexistro Civil como fillo de pais descoñecidos, xa que súa nai non o recoñecerá como fillo natural ata 1919. Exiliado dende 1939 seguiu loitando de maneira activa contra o franquismo, sendo membro fundador do DRIL e co portugués Galvão secuestrou en 1961, para chamar a atención da comunidade internacional sobre a ditadura española, o buque Santamaría, feito que relatou no seu libro Yo robé el Santamaría (Caracas, Monte Ávila, 1972, 2ª ed. Madrid, Akal, 1978).

Viaxará por motivos políticos a Laos, Camboia e Vietnam. Nos seus anos finais adicarase á literatura, escribindo teatro, narrativa e ensaio, permanecendo inédita a maioría desta obra final, da que se coñecen algúns títulos como o das novelas Agraz, yo viví lo que pudo suceder e Un pequeño burgués en la Guerra Civil española.

Segundo Luís Seoane, no Santamaría, Velo e Sotomayor distribuíron como programa político os aforismos que Rafael Dieste publicara na guerra na revista barcelonesa <Nova Galiza>, en 1937. Por citar un deles, podería ser este: “Non facer dunha leira a clave do dereito”.

Sobre o secuestro do Santamaría publicaron tamén obras o capitán Galvão, o anarquista Francisco Rico e un xornalista chileno.