Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GARCÍA ALLUT, ANTONIO (Noia, 1955)

Estudou Filosofía en Compostela e dedícase a temas de antropoloxía relacionados coa pesca en Galicia, sendo membro da Asociación de Antropólogos Europeos e profesor de Antropoloxía Cultural da Universidade da Coruña. En 1989 colabora no volume colectivo Vivindo do mar. Antropoloxía da pesca en Galicia (Santiago, Consellería de Presidencia e Administración Pública), onde publica o traballo “A vila mariñeira de Muxía (A Coruña)”. Na revista <Grial> publicou o traballo “Estudio etnográfico dun espacio central na vida dos pescadores de Lira (A Coruña)” (nº 108, 1990).


Outros traballos antropolóxicos deste autor son “Del libre acceso a la propiedad comunal: El caso de la comunidad pesquera de Muxía (Galicia)” (<Eres. Antropología>, vol. 2, 1990), “A outra ciencia: saberes artesanais e adaptación en dúas poboacións mariñeiras galegas” (<A Trabe de Ouro>, nº 25, 1996), “Antropoloxía da pesca en Galicia” (en FERNÁNDEZ CASANOVA, C., coord., Historia da pesca en Galicia, Santiago, Universidade de Santiago, 1998), “Os pescadores como creadores de coñecemento experto: o seu papel no deseño de novas políticas pesqueiras” (en CALO LOURIDO, F., coord.: Antropoloxía mariñeira, Santiago, Consello da Cultura Galega, 1998) e “From Open Access to Communal Property: The Case of the Fishing Community in Muxía” (en CATANZANO e outros, eds.: Proceedings of the sixth conferency of the International Institue of Fisheries Economics and Trade, Paris, 1994).