Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GARCÍA BAYÓN, CARLOS (Caldas de Reis, 1914)

Ligado á vila de Ribeira, onde exerceu de mestre dende a Guerra Civil, reside no municipio de Porto do Son, Xuño. Iniciouse no xornalismo na década dos cincuenta, colaborando en multitude de xornais e revistas, entre os que se poden citar o madrileño <ABC>, o barcelonés <La Vanguardia>, <La Voz de Galicia>, <El Correo Gallego>, <Encrucillada>, entre outros. No terreo xornalístico foi galardoado cos Premios Pérez Lugín, Fernández Latorre e outros moitos, sendo membro do xurado do Premio Julio Camba.

Entre as súas obras hai que citar Viajes galaicos (Santiago, Xunta de Galicia, 1989), que contén varios capítulos dedicados á Barbanza, ao Castro de Baroña e á procesión das Mortallas da Pobra, volume acompañado de magníficas fotografías de Xurxo Lobato, Piedras ilustres de la Barbanza, Muros y Xallas (A Coruña, 1997, con ilustracións do autor), Guía das heráldicas da Pobra do Deán e Vila do Caramiñal (A Pobra, Concello, 1998, trad. de Dolores Vidal Millán), Riveira. Guía urgente pero apasionada (Noia, Toxosoutos, 1998) e Los caminos de Santiago en Galicia. En 1999 aparece o seu volume Boiro, guía y galería de nobles memorias (Madrid, Torre de Goyanes). Xa no ano 2000 voltará a compilar os seus artigos na sección do Barbanza en <La Voz de Galicia> no volume Nueva galería de piedras ilustres de la Barbanza, Muros y Xallas (A Coruña, Deputación Provincial).

Fillo Adoptivo da cidade de Ribeira e Cronista Oficial da mesma, outros premios que recibiu son o Ramón Godó, o Álvaro Cunqueiro de Gastronomía, o Julio Camba de xornalismo, o Vieira de Humor, entre máis de trinta.

En galego é autor dos artigos “Os santiños da miña aldea”, “Os meus satanases” (<Encrucillada>, nº 37, 1984), “O capitán do Salier” (<Encrucillada>, nº 39, 1984), “Sobre a nicotina e a brea” (<Luzes de Galiza>, nº 0, 1985), “A casualidade” (<Encrucillada>, nº 51, 1987) e “As mazanciñas do río Bermaña” (<Encrucillada>, nº 36, 1984). Tamén escribiu poesía en galego, tendo inédito un poemario presentado ao premio Esquío, ademais de publicar algúns poemas en revistas, como é o caso de “O vagalume” aparecido en <Poesía de Galicia> (nº 14, verán, 1998).

Dedicou moitos artigos a temas e figuras da nosa bisbarra entre os que se poden citar “Carta a Rafael Dieste” (<La Voz de Galicia>, 23 – 03 – 1974), no que comenta o volume de relatos Historias e invenciones de Félix Muriel; “Don Ramón en la Puebla” (<ABC>, 25 – 11 – 1966, p. 87), “Valle-Inclán resucita en Puebla del Caramiñal” (<La Voz de Galicia>, 09 – 02 – 1983), “Valle-Inclán en La Barbanza” (en La Coruña: Paraíso del turismo, Coruña, 1984), “Los Pazos del Marqués de Bradomín” (<La Voz de Galicia>, 28 – 10 – 1992), “Desde Cabío hasta Valle-Inclán” (Ibid., 12 – 08 – 1992) e “Céltigos, un topónimo musical que recoge la obra de Valle-Inclán” (<La Voz de Galicia>, 07 – 04 – 1993), ademais de traballos sobre García Martí, Acuña Malvar e outros. Ademais dedicou tamén varios traballos á presenza dos cataláns na nosa bisbarra, dos que lembramos “Los catalanes en Galicia. La invasión de la barretina” (<La Vanguardia>, Barcelona, 24 – 03 – 1973) e “Catalanes en Galicia” (<ABC>, 11 – 04 – 1967). Ademais fixo tamén reportaxes de actualidade sobre a Pobra, coma o titulado “Dramatismo en el Priorato de la Merced” (<La Voz de Galicia>, “Barbanza”, 26 – 12 – 1998). Autor tamén de varios prólogos, entre eles o que figura á fronte de Esmorgantes de Víctor Jorge Sueiro e Amparo Nieto (Madrid, Espasa-Calpe, 1990).

Segue a saír no xornal <La Voz de Galicia> a súa serie ilustrada “Piedras ilustres”, na que vai reflectindo comentarios arredor de monumentos da nosa bisbarra, entre os que se pode citar “Santiago do Deán viaja” (13 – 04 – 1999).

De sumo interese para a bisbarra do Barbanza foi unha serie de entrevistas con personaxes do pasado titulada “Rostros de la comarca”, aparecida no xornal <La Voz de Galicia>, edición do Barbanza. Entre os personaxes entrevistados estaban Acuña Malvar, Romero Ortiz e Francisco Añón (“Con un viejo galleguista salido del seminario”, 17 – 03 – 1996).

En 1999 foi galardoado coa Medalla Castelao polo seu labor xornalístico.

Outros volumes da súa autoría son Nomadeando los montes y ríos de O Invernadeiro (Santiago, Xunta de Galicia, 1993), fermosa guía dunha das máis interesantes paraxes naturais galegas, acompañada de ilustracións de Xurxo Lobato, e Quince pintores pontevedreses.

En 1999 publicou un interesante folleto para os ribeirenses que leva por título Vera historia do cruceiro do Castelo que luego fue O Cristo das Laxes (Ribeira, Caixa de Pontevedra), onde estuda a ubicación e lenda desa popular imaxe. Xa no ano 2001 publicou o volume memorialístico Valle-Inclán y Viana del Prior. Estampas del tiempo ido (A Coruña, Deputación Provincial).