Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GARCÍA MARTÍ, VICTORIANO MARCIAL RAMÓN (A Pobra do Caramiñal, 17/08/1881 – Santiago de Compostela, 07/07/1966)

Avogado, sociólogo que estudou en París e Bruselas, cultivou dende moi mozo o xornalismo, destacando polas súas colaboracións no xornal madrileño <El Liberal> co pseudónimo <El duque de Él>. Foi secretario do Ateneo de Madrid, membro da Academia de Lexislación e Xurisprudencia e membro de honra da Real Academia Galega. Trala Guerra Civil estivo preso durante un tempo pola súa militancia republicana.

Como literato comezou a súa carreira como dramaturgo, ao publicar en Madrid, en 1906 a peza Fidelidad. Drama en tres actos (Impr. y estereotipia de Ricardo Fe), xa estreada en Vigo o 3 de xaneiro de 1905. As súas outras obras dramáticas son La tragedia de todos (Madrid, Mundo Latino, 1927) e La voz de los mitos (Madrid, Espasa-Calpe, 1941, 81 pp.). Esta obra en un prólogo e dous actos ten coma personaxes a Fausto, Don Juan, Don Quijote e Hamlet e ás súas correspondentes parellas femininas. Victoriano voltou a engadirlle como apéndice o traballo que lle adicara M. Falcao Espalter. Hamlet, figura que manifesta o pesimismo do autor, conclúe que “El gusano es el monarca supremo”.

Como narrador publicou en 1911 a súa primeira novela, La sonrisa de un espíritu (Madrid, Tip. de la Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos), publicando en 1917 unha novela ambientada na Pobra do Caramiñal que leva por título Don Severo Carballo (Del alma gallega) (Madrid, Impr. de Alrededor del Mundo), que o profesor Varela Jácome ve como antecedente de Arredor de si, de Otero Pedrayo, na creación do seu personaxe principal, no prólogo que figura á fronte da reedición feita en 1991 feita polo Concello da Pobra do Caramiñal. En 1925 publicou a novela curta La tragedia del Caballero de Santiago, (<La Novela Semanal>, nº 211), que coñecerá unha nova edición en volume en 1930 (Madrid, Renacimiento) acompañada doutras prosas agrupadas baixo o título “Estampas compostelanas” e para a que deseñou un fermosa portada Carlos Maside. O ano anterior publicara outra novela curta na colección madrileña <Los Contemporáneos>, titulada
La Odisea de Olga. En 1931 edita unha nova novela curta, tamén ambientada na Pobra, El emigrante (<La Novela de Hoy>, 06-11-1931) e en 1932 outra máis, co título ¡Una más! (<El Cuento de Hoy>, nº 2, 15-06-1932). En 1936 aparece o seu volume de contos A través de la vida. Cuentos (Madrid, Agencia General de Librería y Artes Gráficas, 183 pp.), prologado por Gabriel Alomar, que contén a novela curta La odisea de Olga e os contos “Jeanette”, “Margot”, “El cabello ondulado”, “La sortija”, “Lo elegante y lo cursi”, “La cita”, “El diablo o el cochero Nicolás”, “Siluetas de París” e a semblanza de orixe pobrense “El Garulo” e ademais o traballo de Mario Falcao Espalter sobre García Martí, publicado orixinariamente no xornal bonaerense <La Prensa>. En 1950 reuniu tres das súas narracións (Don Severo Carballo, La tragedia del Caballero de Santiago e El emigrante) no volume Tres narraciones gallegas, na editorial Dossat.

Como pensador filosófico é autor dos volumes Del mundo interior. Meditaciones (Madrid, Tip. de Archivos, 1911), Del vivir heroico (Madrid, Impr. Artística Sáez Hermanos, 1915, aínda que no colofón figura 1914, reeditada con Del mundo interior en 1925, Madrid, Mundo Latino), obra prologada por Miguel de Unamuno e con epílogo na segunda edición de Gabriel Alomar,
De la felicidad. Eternas inquietudes (Madrid, Mundo Latino, 1924), prologada por Valle-Inclán, El sentimiento de lo Eterno. Meditación (Madrid, Mundo Latino, s.a., pero 1929), El amor (Madrid, Tip. Yagües, s.d., pero 1935) prologada por Gregorio Marañón, La muerte. Meditación (Madrid, Agencia General de Librería y Artes Plásticas, 1936), Máximas, caracteres y reflexiones (Madrid, Espasa-Calpe, 1942), Climas de misterio, (Madrid, Aguilar, 1947) e La vida no es sueño (Madrid, Dossat, 1949).

Importantes foron tamén os seus ensaios literarios, entre os que hai que citar Rosalía de Castro o el dolor de vivir (Madrid, Aspas, 1944), ensaio que figura tamén como estudo introdutorio da edición que preparou das Obras Completas de Rosalía para a editorial madrileña Aguilar, edición pola que accederon milleiros de lectores ao coñecemento da figura máis importante da literatura galega. A Rosalía adicoulle tamén algúns artigos como “Rosalía y el alma gallega” (<El Progreso>, Lugo, 17 – 05 – 1963) e “Doble conmemoración. D. Nicomedes Pastor Díaz, el frustrado prologista y la autora de Cantares gallegos” (<La Noche>, 25 – 07 – 1963). Outro ensaio literario destacado do autor é Don Quijote y su mejor camino, (Madrid, Dossat, s.d., pero 1948), cun proemio de Jacinto Benavente.

A Galicia están dedicados os volumes Lugares de devoción y de belleza. Impresiones de Galicia (Madrid, Mundo Latino, s.d., pero 1922), volume que reúne varios traballos, sendo os máis interesantes para nós os titulados “La Ría de Arosa”, “Las fiestas de Ribeira”, graciosa sátira dos enfrontamentos entre Pobra e Ribeira, e “Los toros en Noya”; Una punta de Europa. Ritmo y matices de la vida gallega, (Madrid, Mundo Latino, 1927), prologada por José Ortega y Gasset, De la zona atlántica. Galicia y Portugal (Madrid, Tip. Yagües, 1934, 204 pp.), que contén o capítulo “Rosalía de Castro” e Galicia. La esquina verde. Alma, Historia, Paisaje (Madrid, Editora Nacional, 1954).

Sobre a realidade sociolóxica e cultural do seu momento publicou os ensaios Caracteres de la vida social y mundana, (Madrid, Pueyo, 1921), prologada por Gabriel Alomar, La emoción del momento. Ensayos de ideología política, (Madrid, Mundo Latino, 1929), Entre dos extremismos. Ideología política (Madrid, Yagües, 1934), Notas de sociología. La previsión en sociología. Sociólogos franceses. Posibilidad de la sociología (Madrid, Yagües, 1935, 194 pp.), volume no que reúne varios dos seus traballos anteriores, entre eles os que publicara en francés na segunda década do século, que está dedicado “A la memoria del profesor Mr. Durkheim”; La voluntad y el destino. Drama de la historia, (Madrid, Espasa-Calpe, 1942, 178 pp.), dedicado á Real Academia da Historia; e España. Panorama de la vida espiritual, (Madrid, Aguilar, 1946).

Outros ensaios da súa autoría son Verdades sentimentales, (Madrid, Mundo Latino, 1921), que leva á fronte un estudo crítico de Rafael Cansinos-Assens, e El Ateneo de Madrid (1835-1935) (Madrid, Dossat, 1948).

É autor tamén de varios ensaios xurídicos titulados Relaciones entre la Iglesia y el Estado (Madrid, Impr. de Celestino Novoa, 1903), prologada por Rafael Leyda, La solidaridad social (Madrid, Tip. de la Rev. de Archivos, 1909), La solidaridad regional (Madrid, Tip. de la Rev. de Archivos, 1909), El Ministerio de Fomento. Su contenido jurídico, organización y funciones (Madrid, Impr. de Félix Moliner, 1923, 93 pp.). En lingua francesa publicou os traballos La sociologie en France (París, Marcel Giard, 1912) e La prevision en sociologie (París, Marcel Giard, 1923). En 1903 publicou un folleto sobre temas pesqueiros co título La pesca al bou en Galicia por los vapores franceses (Madrid, Impr. de Martín Espejo). Pode citarse tamén o seu folleto Lo técnico y lo político en la Administración del Estado.

Publicou as súas memorias en 1941 co título La vida de un español. Del siglo XIX al XX (Madrid, Espasa-Calpe), que inclúe artigos de Ledesma Ramos, Manuel Bueno e Ramiro de Maeztu.

Aínda se poden citar outros folletos publicados por García Martí, coma os titulados Discurso resumen de la Poesía, celebrada en el Teatro Liceo de Orense (1912), Memoria leída en el Ateneo de Madrid. Inauguración del curso académico 1921 – 1922 (Madrid, Gráfica Ambos Mundos, 1921), Memoria leída en el Ateneo de Madrid. Inauguración del curso académico 1922 – 1923 (Madrid, Gráfica Ambos Mundos, 1922), Mi antiintelectualismo, conferencia pronunciada no Ateneo de Madrid, La aceptación de la vida e La jurisdicción mercantil. Ademais é de sumo interese o seu volume En torno del pleito de España. Ideología política, publicado en Madrid pola editorial Mundo Latino en 1931. Os seus Ensaios foron editados en Madrid en 1950 (Aguilar, Col. Crisol), reunindo unha selección dos mellores do autor: “La voluntad y el destino”, “España”, “Una punta de Europa”.

Dedicou moitos artigos á súa vila natal, sobre todo, ao tema da procesión das Mortallas, coma os titulados “La procesión de la muerte” (<La Voz de Galicia>, 18-09-1960), “La procesión de los muertos” (<Faro de Vigo>, 15-11-1962), “Puebla del Deán celebra la fiesta del Carmen y Puebla del Caramiñal la del Nazareno” (sic.). Outros artigos sobre a Pobra son “La fiesta en honor del Nazareno”, “En una singular procesión” (<Faro de Vigo>, 18-09-1955), “Triunfo de la renovación”, “El clérigo Fernández Varela” (<La Noche>, 13-09-1962), “Soluciones de la Puebla del Caramiñal” (24-05-1963), “Bellos rincones de la ría”, “A guisa de prólogo” (sobre Domínguez Fontán). Cómpre suliñar tamén a necrolóxica dedicada a Valle-Inclán publicada no xornal <Heraldo de Madrid> o 7 de xaneiro de 1936, que voltou a aparecer co título “In memoriam: Valle-Inclán” en <La Voz de Galicia> o nove do mesmo mes e ano. Colaborou en moitas revistas e xornais, entre as que se poden citar <Vida> (A Coruña, coa prosa “Azar”, nº 4, 1921), <Santo y Seña> (Madrid, co artigo “Un incidente literario: Valle-Inclán y Baroja”, 01 – 12 – 1942), <Ateneo> (“Los retratos del Ateneo: Valle-Inclán”, nº 5, 1952), <ABC> (“Homenaje a Valle-Inclán”, 29 – 09 – 1954; “Valle-Inclán en Compostela. Su expediente académico”, 06 – 02 – 1958), <Revista Oficial del Centro Gallego de Avellaneda> (1931), <Suevia> (Bos Aires, 1916), <Aturuxo> (Santa Fe, Arxentina, 1960 – 1961), <Galicia> (Bos Aires) e <Mundo Gallego> (1951 – 1952).

Unha das súas últimas actuacións públicas foi o Pregón de las fiestas del Apóstol, pronunciado en Compostela en 1958, ano en que tamén foi editado.

Foi nomeado fillo predilecto da súa vila natal en 1965, ano no que tamén foi agasallado co nomeamento de Membro Correspondente da Real Academia Española. A Universidade de Santiago de Compostela rendeulle unha homenaxe tamén neste mesmo ano.

Seleccionamos o comezo do seu “prólogo” a Rosalía de Castro o el dolor de vivir:

“Nos encontramos ante un hecho incuestionable: la proyección histórica de la figura de Rosalía. Su obra parece consolidada en el panorama general de las letras españolas como precursora concretamente de nuevas formas en la poesía, y dentro de la vida regional, con mayor amplitud y mayores dimensiones, como que fue la encarnación del alma popular de su país. Este es el aspecto más robusto de la personalidad de nuestra poetisa.
La verdad del sentimiento y la naturalidad de la expresión, como se ha dicho de Heine, fueron las dos armas que esgrimió Rosalía. No vivió de espaldas a la vida, entregada a la técnica de una profesión literaria; por el contrario, se mantuvo en contacto con la vida, y su poesía no fué más que un resultado que extrajo de la propia realidad. Pudo en este sentido haber dicho, como Goethe a Eckermann: “No doy valor ninguno a poesías cogidas en el aire””.

Deixou inéditas unha memorias que levan o título “La espina en la carne”. Foi tamén conferenciante notable, fundamentalmente na tribuna do Ateneo de Madrid, onde pronunciou conferencias como “El sentido de la existencia humana en la crisis de la vida colectiva” e “Algunas reflexiones sobre mis ensayos”, mentres que na Academia de Xurisprudencia pronunciou a titulada “España y la realidad social”. No Lar Gallego pronunciará en 1930 a titulada “La lírica gallega”.
Colaborou en revistas como <Aturuxo> (Santa Fe, Arxentina), <El Eco de Santiago>, <La Emancipación> (Noia), <Galicia en Madrid> (1932 – 1936), <Suevia> (Santiago, 1917), <Abrente> (Valladolid) e na coruñesa <Vida>, onde publicou o relato “Azar” (nº 4, ca. 1921).

Foron milleiros os seus artigos publicados en xornais e a modo de exemplo poden citarse os publicados no xornal santiagués <La Noche>: “El galleguismo de Feijóo” (15 – 06 – 1946), “Saudade y morriña” (17 – 08 – 1946), “Elogio sentimental de Galicia” (10 – 09 – 1946), “Santo y seña de Rosalía: ¡Flores para la novia!” (21 – 09 – 1946), “Una jornada en Compostela” (25 – 09 – 1946), “Del alma gallega” (18 – 01 – 1947), “Las ciudades como ejes espirituales de la vida española” (07 – 07 – 1947), “Matices del alma galaica” (26 – 08 – 1947), “El padre Sarmiento” (05 – 09 – 1947), “Conflictos mundiales y locales” (18 – 09 – 1947), “La significación de Santiago” (27 – 08 – 1948) e “La generación de La Casa de la Troya. Evocación de dos figuras” (09 – 12 – 1948).