Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GARCÍA VIDAL, PEDRO (Noia, 1956)

Especializado en temas xeográficos da bisbarra do Barbanza, profesor de Ensino Medio e licenciado en Xeografía e Historia, é autor das obras Noia. Xeografía urbana e área de influencia (Noia, Toxosoutos, 1989) obra que pretende aproximarse ao estudo do núcleo urbano de Noia coma aglutinador dunha bisbarra denominada Ría de Muros e Noia, tendo en conta as variacións producidas nela nos últimos cincuenta anos e atendendo asemade ao compoñente humano da vila, analizando a estructura da poboación, a súa orixe, a súa profesión e a súa densidade. En 1993 publica en Muros, na editorial Toxosoutos, a obra Investigando na vila. Didáctica da Xeografía Urbana, que pretende proporcionar instrumentos de análise conceptual para o estudo da complexa realidade urbana das vilas galegas. Tamén de grande interese é a súa obra A Noia da memoria. Pasado e presente dun casco histórico: evolución urbana (Noia, 1991). Na revista <Casa da Gramática> (nº 9, 2000) apareceu o seu traballo “A Ría de Muros e Noia. Cultura e territorio”.

Na revista de Noia <Alameda> apareceron interesantes traballos: “A alameda de Noia” (nº 0, maio, 2000), “Noia. Unha vila amurallada” (nº 1, agosto, 2000), “Sobre a paisaxe construída do casco histórico noiés” (nºs. 2, 3, 4 e 5, 2000 – 2001), “O vello palco da música” (nº 5, setembro, 2001), “Matar as catedrais da natureza. O monte Tremuzo SOS por unha paisaxe da alma” (nº 6, decembro, 2001), “Antón Avilés, memoria eterna de Taramancos” (nº 7, marzo, 2002) e “O centro comercial e o comercio tradicional” (nº 9, setembro, 2002).