Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GASSET NEYRA, GERARDO (A Pobra do Caramiñal, 24/08/1899 – Vedra, 02/05/1969)

Avogado e diplomático, estivo destinado en Perú e Portugal. O seu nome conmpleto era Gerardo Bartolomé María del Carmen José Ramón Antonio y Buenaventura de la Santísima Trinidad Gasset Neyra. Era fillo de Eduardo Gasset Chinchilla, nesa altura Deputado en Cortes e propietario do xornal <El Imparcial>. Como literato estivo moi influído, aínda que de xeito superficial, por Valle-Inclán. En 1923 publica a súa primeira novela, titulada El impresionable, que se desenrola na Pobra do Caramiñal, aínda que a vila recibe o nome de Villarea, o que é unha mostra clara de que é a Viana do Prior de Valle-Inclán a que lle fai agochar o nome da súa vila natal.

A seguinte novela leva por título A la deriva. Proceso de una vocación, que aparece en Madrid sen que conste a data, pero que o autor asina na Torre de Xunqueiras o 3 de xaneiro de 1925, obra que leva á fronte a seguinte dedicatoria:

“A don Ramón del Valle-Inclán que desde su sitial inconmovible de clásico dirige la mirada zahorí al porvenir de las letras españolas, le dedica este libro, si no bien hecho bien intencionado, su amigo. GGN”

En 1945 aparece en Madrid a súa obra teatral Nuestra señora de Gundián, misterio nunha xornada e dous cadros, que é un intento de trascender a realidade da aldea galega, partindo dos influxos do Valle-Inclán de Flor de Santidad, e que parte dunha cita do poeta francés Saint Georges de Bouhelier (Rueil, Paris, 1876), poeta e novelista francés, autor de obras como Cantos da vida ardente (1901) e a novela A ruta negra (1900), cita que é moi reveladora do ton da obra:
“Cómpre, baixo as cousas triviais, busca-lo divino; baixo o efémero, o eterno, e baixo o facticio, a vida”.

Desgraciadamente na obra interfire a recente Guerra Civil, o que fai que apareza un “Romance del soldado gallego”, que é un canto á nova España fascista.

Entre os seus artigos poden citarse “La profecía de Don Ramón” (<Galicia>, Vigo, nº 475, 09 – 02 – 1924) e “Divagaciones en torno de los problemas gallegos” (Ibid., 18 – 11 – 1925).

Exerceu tamén a crítica literaria no xornal madrileño <El Imparcial>, entre as reseñas de libros asinadas por el cómpre citar “Un libro nuevo. El profesor inútil”, que é unha moi comprensiva crítica da novela anovadora de Benjamín Jarnés, reseña que se publicou o 24 de outubro de 1926.

Xosé Luís Méndez Ferrín alúdeo desfavorablemente na súa última novela No ventre do silencio (Vigo, Xerais, 1999), cuestión que aclarou Borobó nun dos seus “ANACOS” en <A Nosa Terra>. Noméao un dos personaxes co nome de Eduardo Gasset, que era o de seu pai e o de seu avó, o famoso fundador do xornal madrileño <El Imparcial>:

“Son Fernández Cid, o Piollo Verde, e Eduardo Gasset, propietario do auténtico Pazo de Brandeso, que é unha merda; el é diplomático retirado...
Accionando moito co ABC na man, un vello toucado coa pucha verde de Renovación Española explicáballe particularidades da Guerra de Suez a un impoluto, altísimo, acartonado dandy velloucas que nin sequera finxía atender á proclama vehemente.”

Quizais no futuro perdure o nome de Gasset Neyra nunha nota a unha edición crítica da obra de Ferrín, mais que polos seus pios méritos literarios, coma Montesquiou pervive porque Proust o inmortalizou na súa obra.
Cómpre dicir que, se ben o citan, Couceiro Freijomil e GEG non aportan datos biográficos.