Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GONZALES SOLDADO Y ROMERO, MIGUEL JOSEPH (A Pobra do Caramiñal, Século XVIII)

Escribán real e procurador do Número e Concello da vila do Caramiñal en tempos de Fernando VI, en 1756, é autor dun manuscrito titulado Historia y armas de la villa del Caramiñal, que foi publicado por Luís Gómez y Fernández e Fernando Mon Vázquez na revista <Galicia Diplomática>. O escribán di que ordenou os papeis do Concello datados entre 1580 e o tempo no que el escribe. Asegura que estivo a vila habitada polos romanos como o testifican unhas moedas antigas que tivo nas mans Martín Sarmiento. As armas da vila do Caramiñal son, nun escudo redondo de campo azul, un pé de caramiñas, nome propia da árbore pola que os romanos deron a denominación á vila, xa que abondaban nela, pero xa eran escasas nos tempos deste escribán. Di que a árbore é pequena, da cor do piñeiro e con follas tamén semellantes ás deste, pero máis pequenas e estreitas e de cor esmeralda, tendo esta árbore un froito pequeno ao que denomina mazás da cor do algofar, e que abondan nos areais. A esta árbore engadíronselle no escudo algúns edificios da vila e o río Capelo, que a divide pola parte do poñente e do mediodía. Asegura ademais que a vila estivo totalmente arruinada en 1300 e que en 1410 Esteban de Xunqueiras lle fixo un foro a Álvaro Denantes e María de Campo para facer unha casa no Caramiñal, que non denomina vila.

Dá noticia tamén que en 1442 Esteban de Xunqueiras rematou a capela maior do convento do Xobre, a onde pasaron a vivir os franciscanos da Misarela, aínda que este convento non quedou baleiro, xa que nel permaneceron os que tiveron esa devoción e seguiron a dicir misa alí. Alude tamén ao señorío de Gómez Pérez das Mariñas, dicindo que no seu tempo era Meriño nela Juan de Dios Prego, O Maior, e escribán Sebastián Rodríguez, que deron poderes a Juan Domínguez Xiance, mercader que era veciño do Caramiñal. Aínda contén outros datos de interese o manuscrito, como a alusión ao privilexio concedido polo Papa Xulio III a prol da Confraría do Santísimo Sacramento do Caramiñal, asegurando que ten no seu poder unha copia traducida. Engade que en 1555 xa o Caramiñal ten o título de Vila, segundo consta en varios documentos, engadindo que Xiance fundou a Capela de Alba, na que en 1572 se fundou o maiorazgo e padroado de legos. Dá tamén un listado dos escribáns da vila.

Respecto da Igrexa do Caramiñal di que a capela maior é do tempo de Gómez Pérez das Mariñas, mentres que o corpo da parroquial foi finalizado polos marqueses de Parga e os veciños, desfacéndose o que fixera Pérez das Mariñas e acurtando o corpo da Igrexa, trasladándose en 1702 o culto da Igrexa vella á nova, habendo tres días de festa en tempos do párroco Don Juan Antonio Gayoso y Luaces. A igrexa vella foi estreitada en 1739 e era en 1756 a Capela de Ánimas.